
O Concello de Verín abre o prazo de inscrición para a XVI Escola de Verán
04/06/2025
O Concello aposta por un modelo educativo integrador: gardería, colexio e servizos nun mesmo espazo
16/06/2025Verín, 11 de xuño de 2025. O salón de actos do Concello de Verín acolleu o I Encontro de Mulleres Xitanas da comarca, unha xornada formativa e de convivencia na que se puxo en valor o papel da muller xitana na sociedade actual e se abordaron temas fundamentais como a igualdade de xénero, a inclusión social e o feminismo romaní.
A iniciativa organizouse grazas aos Fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, co apoio do Centro de Información á Muller (CIM) e a colaboración dos Servizos Sociais do Concello de Verín, e reuniu mulleres de diferentes idades e perfís cun obxectivo común: construír xuntas un espazo de empoderamento e reflexión.
Na presentación do acto, a concelleira de Servizos Sociais, Rosario Rodríguez, quixo destacar o carácter pioneiro desta xornada: «Benvidas ao Primeiro Encontro polos dereitos das mulleres xitanas. Esta formación lévase a cabo grazas aos Fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, o CIM e tamén a colaboración dos Servizos Sociais do Concello de Verín.»
A concelleira de Servizos Sociais tamén subliñou a importancia de dar voz ás protagonistas do cambio dentro do propio pobo xitano: «Durante este curso escoitaremos moitas veces o concepto de feminismo romaní, que é a corrente que defende os dereitos das mulleres xitanas, a loita contra a violencia de xénero e a igualdade social do pobo xitano.»
A formación correu a cargo de Irene Jiménez, graduada en Ciencias da Educación e cun máster en integración social. Cunha ampla traxectoria en proxectos de inclusión —especialmente no eido escolar e na defensa dos dereitos das mulleres xitanas—, Jiménez achegou unha visión próxima e transformadora.
Desde a organización tamén se agradeceu o papel asesor da asociación Gitanas Feministas por la Diversidad, situada no sur do Estado, cuxa experiencia foi clave na planificación desta primeira xornada. «A idea deste encontro é crear un espazo comunitario no que poidamos intercambiar ideas e aprender xuntas», concluíu Rodríguez.



