
Rali da Água anima região transfronteiriçade Chaves e Verín (Galiza)
01/09/2025
O Concello de Verín abre o prazo de inscrición para participar na V Festa da Cervexa
23/09/2025O Concello de Verín, a través do proxecto “Sabedoría Activa”, pertencente ao programa Voluntariado Sénior da área de Benestar Social, pon en marcha por terceiro ano consecutivo o curso de Internet e telefonía móbil para persoas maiores.
O obxectivo desta iniciativa é acompañar ás persoas maiores no proceso de adaptación ás novas tecnoloxías, axudándoas a superar as limitacións derivadas da desaparición de servizos presenciais de proximidade. Deste xeito, contribúese a pechar a brecha dixital xeracional e a mellorar a súa autonomía persoal, facilitando o acceso á información, novas formas de socialización e a realización de xestións administrativas, financieiras ou de saúde.
Contidos do curso
Uso básico dos botóns do smartphone (acendido, apagado, volume, menú, etc.).
Accións habituais: facer e recibir chamadas, xestionar chamadas perdidas, gardar contactos, enviar mensaxes, sacar fotos e gravar vídeos.
Acceso a Internet desde o móbil: configuración da conta de usuario, descarga e instalación de aplicacións (navegadores, xogos, redes sociais, etc.), incluíndo ferramentas especialmente deseñadas para persoas maiores.
O curso terá un enfoque práctico e personalizado, baseado na metodoloxía “trae o teu propio dispositivo”, para que cada participante aprenda co seu propio teléfono intelixente ou tableta, adaptando a formación ás súas necesidades reais.
Datas e inscrición
As sesións desenvolveranse en horario de tarde, os mércores, xoves e venres, de 16:30 a 18:00 horas.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (1ª planta da Casa da Xuventude) ou chamando ao teléfono 988 414 776.
O prazo de inscrición estará aberto ata o martes 16 de setembro, sendo a primeira sesión o mércores 17 de setembro.



