Concerto sinfónico solidario dedicado á música de «El señor de los anillos»
O Auditorio Municipal de Verín acollerá o vindeiro 3 de outubro un concerto da Sinfónica Cinematográfica do OUFF dedicado á música composta por Howard Shore para a triloxía de El señor de los anillos. A proposta, realizada en colaboración co Festival de Cine OUFF · Ourense e co Conservatorio Profesional de Música de Verín, combinará música de cinema en directo e solidariedade.
Baixo a dirección de José Luis Tielas, a Xove Orquesta Ourensanía actuará acompañada dun gran coro para achegar ao público o universo musical da obra de J. R. R. Tolkien levada ao cinema. O programa ofrecerá un percorrido por temas emblemáticos das películas, entre eles o prólogo, May It Be, de Enya, e The Evenstar, e incluirá tamén música de O Hobbit.
A actuación comezará cunha lectura interpretada que introducirá as persoas asistentes na narrativa épica da obra, como antesala da interpretación sinfónica.
O concerto terá, ademais, unha finalidade solidaria. As entradas terán un custo de 10 euros e a recadación destinarase a colaborar coa Asociación Contra o Cancro, Cruz Vermella, CDR Portas Abertas, Cáritas e FEMURO.
As entradas estarán dispoñibles no Auditorio Municipal de Verín, en horario de 17:00 a 21:00 horas, así como nas propias sedes das entidades beneficiarias.
A cita de Verín forma parte dos dous concertos da Sinfónica Cinematográfica do OUFF, cunha primeira actuación prevista no Auditorio de Ourense o 26 de setembro, no que xa están esgotadas todas as localidades. Ambas as propostas intégranse na programación da 31ª edición do festival, que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro, e que incorpora esta experiencia para conectar o cinema, a literatura e a música sinfónica.