
Verín pon o broche ao Entroido cun xantar popular e a entrega dos Galardóns do Entroido 2026
22/02/2026Dous encontros literarios arredor das obras Aldeas da Limia Alta, Aldeas de Conso, Frieiras e Viana; e O libro negro da lingua galega reunirán esta semana na vila do Támega a Bruno Rúa e Carlos Callón.
Verín, 23 de febreiro de 2025. A Biblioteca de Verín converterase esta semana nun espazo de encontro coa historia e a memoria colectiva a través de dúas presentacións literarias que terán lugar os días 26 e 27 de febreiro, ambas ás 19:30 horas.
Bruno Rúa presenta Aldeas da Limia Alta e Aldeas de Conso, Frieiras e Viana
O xoves 26 de febreiro ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura, o autor Bruno Rúa presentará os seus libros Aldeas da Limia Alta e Aldeas de Conso, Frieiras e Viana.
No primeiro volume, Aldeas da Limia Alta, o autor recolle e cataloga 318 aldeas da comarca da Limia, ofrecendo unha aproximación persoal a través de anécdotas, historias e descricións acompañadas de material fotográfico. A obra constitúe unha ollada ao territorio veciño, referencia directa para comprender o noso propio contexto desde perspectivas como o patrimonio, a antropoloxía ou a historia.
O segundo libro abrangue os concellos da Gudiña, Vilariño de Conso, A Mezquita e Viana do Bolo, recompilando do mesmo xeito historias, descricións e anécdotas das 125 aldeas destes municipios, ademais da comarca das Portelas (Zamora).
Con ambos volumes complétase unha panorámica do noso entorno máis inmediato e dos territorios veciños da Tamagania.
Presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
O venres 27 de febreiro ás 19:30 horas, na Biblioteca de Verín, terá lugar a presentación do libro O libro negro da lingua galega, obra de Carlos Callón, editada por Editorial Xerais.
Este volume recolle e analiza testemuños documentados da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, achegando numerosos documentos pouco ou nada coñecidos. A obra aborda desde os castigos escolares por falar galego —acreditados entre 1543 e 1980— ata multas franquistas por “hablar al público en gallego”, inspeccións por “exagerado acento gallego”, a negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616, ou a decisión no Setecentos de non imprimir as Cantigas de Santa María por consideralas de “extravagancia y mal gusto”.
Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras destacan Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, O libro negro da lingua galega e Vidas e historias LGBT da Idade Media. O seu traballo foi recoñecido con galardóns como o Premio da Crítica de Investigación e o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.

