Circo no Camiño
CARPA CIRCO NO CAMIÑO – APARCADOIRO DA RÚA TRAVESÍA
14 e 15 de novembro
Dous días para vivir o Camiño dunha maneira diferente, onde a cultura se atopa coa fantasía e a diversión non ten límites.
Circo no Camiño é un proxecto único en Galicia que transforma cada vila nun gran escenario de cultura, fantasía e diversión. Baixo unha gran carpa de circo, as artes escénicas, a música, a maxia e a animación de rúa únense nunha experiencia sorprendente, pensada para achegar espectáculos de calidade a localidades vencelladas ao Camiño de Santiago.
Durante dous días, a música de Uxía Lambona e a Banda Molona, a maxia do Mago Teto e os espectaculares pasarrúas de Troula encherán as rúas de ritmo, cor e alegría. Haberá tamén propostas familiares e espectáculos circenses para gozar en familia e deixarse sorprender a cada paso.
Como gran colofón, a Gran Gala de Circo do Camiño reunirá extraordinarios números de acrobacias, equilibrios, malabares e aéreos, nunha celebración da arte circense que non esquecerá o máis importante: os pallasos, a ilusión e as risas a moreas.
Faite xa co teu abono para gozar das catro propostas baixo a carpa:
Sábado 14 de novembro
12:00h Tavole – Zirko Txosko
Unha tola e divertida aventura para todos os públicos na que o circo aparece de forma disparatada, a acrobacia, o risco e a sorpresa están presentes, e onde o público será partícipe do xogo para que todo saia ben. Un show cercano, interactivo para o público e divertido no que xogarse a vida é a única opción.
Duración: 50 minutos
17:30h Gran Gala de Circo no Camiño – Culturactiva
Unha gala única creada para a carpa do camiño coa participación das máis destacadas artistas do momento. Conducida polo gran pallaso Fifo contará cos aéreos e acrobacias da Frick Company, con Sue Moreno no trapecio, co humor de Javi Javichy, os malabares de Noel, os equilibros dos Forzu2 e o clown de Jano Sen Medidas.
Unha escolma única para un dos espectáculos de variedades do momento.
Duración: 90 minutos
Ao remate da gala, acompaña ao pasarrúas Circo Krasnovarak ata o Magosto!
Domingo 15 de novembro
12:00h Uxía Lambona e a Banda Molona – Troula
Nenas, nenos, nais, pais, avoas, avós, curmás, curmáns, tíos, tías, marcianos, ratos, ras, vacas, insectos voadores, astronautas, gaiteiras, pallasos, mecánicas…, xentes de aquí e de acolá, xentes do mundo!!!
Despois de dar voltas e reviravoltas a Galicia, brincar e rebrincar prazas, rúas, auditorios, teatros, e incluso concertos intercibernéticos… por fin chegamos á Carpa do Circo no Camiño cargadiños de temas para cantar, bailar e alegrar o corazón e rir xuntas.
Duración: 75 minutos
17:30h Galerock & Magic – Mago Teto
GaleRock’N’Magic é un percorrido desde o rock do Xabarín Club que marcou unha xeración ata os grupos musicais actuais que están poñendo de novo a música galega no máis alto. Viaxamos desde o rock galego dos 80 e 90 de Siniestro ou Los Suaves ata o do século XXI pasando polo bravú.
Moita música en directo, pero tamén moito humor e moita maxia nun espectáculo nostálxico para uns, divulgador para outros e fascinante para todas. Un espectáculo cheo de chiscadelas e abraios que dignifica e pon en valor a nosa historia musical coa ilusión como vehículo transmisor.
Duración: 75 minutos
Info de interese
O abono dá acceso ás catro funcións na carpa de circo.
Menores de 24 meses non precisan entrada, sempre que non ocupen butaca
Os carros de bebé non poden acceder á sala, pero disporase dun pequeno aparcadoiro no hall de entrada
Accesibilidade: As persoas usuarias de cadeira de rodas poden ocupar calquera localidade da primeira ou segunda fila.
+ info e programación na rúa en www.circonocamiño.gal