Presentación da obra “Artigos, contos e Maios”, de Bruno Rúa
O Concello de Verín acollerá mañá xoves 30 de abril, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, a presentación da obra “Artigos, contos e Maios”, do autor Bruno Rúa, unha publicación que recupera e pon en valor a figura de Enrique Gómez Pato, referente da cultura popular verinesa.
A obra constitúe unha recompilación de textos que permiten achegarse ao legado dun autor profundamente vinculado á vida cotiá da vila, que fixo da palabra unha ferramenta de reflexión social e de conexión coa veciñanza. A través de artigos, coplas e pezas literarias, Gómez Pato destacou pola súa capacidade para interpretar a realidade desde unha perspectiva crítica, combinando humor, retranca e compromiso cívico.
A publicación é froito dun intenso traballo de investigación e recompilación desenvolvido ao longo de máis de sete anos por parte do autor. Segundo explica Bruno Rúa, o proxecto xurdiu a partir do acceso a un arquivo documental facilitado no seu día polo verinés Plácido Romero (falecido no ano 2024), elaborado no marco do seu traballo audiovisual “Conversas e petiscos de pato” (presentado no ano 2019), no que se recollían materiais e imaxes vinculadas a Enrique Gómez Pato. A partir dese punto de partida, Rúa levou a cabo un labor exhaustivo de recollida e transcrición literal dos textos orixinais —entre artigos, contos e coplas—, respectando fielmente a súa forma e contido. O resultado son dous volumes de arredor de 375 páxinas cada un que reúnen, case na súa totalidade, a produción literaria do autor, sen intervención interpretativa, co obxectivo de devolver á veciñanza de Verín a voz directa dun dos seus referentes culturais.
A publicación supón tamén unha reivindicación do papel da cultura popular e do xornalismo de proximidade como elementos clave na construción da identidade colectiva. A súa obra, en moitos casos transmitida de maneira oral ou en soportes efémeros, mantívose viva na memoria social de Verín, especialmente a través da tradición dos Maios, onde exerceu como un auténtico cronista da actualidade.
A concelleira de Turismo Cultura e Festexos, Samanta Barreira, subliñou a importancia desta iniciativa editorial como unha «gran oportunidade para recuperar e difundir o patrimonio inmaterial da vila, así como para achegar ás novas xeracións a figura dun autor que fixo da literatura un instrumento de participación social.»
O acto de presentación está aberto ao público ata completar aforo.