Presentación das obras de Bruno Rúa sobre o patrimonio relixioso da Tamagania
O vindeiro 16 de abril, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín acollerá a presentación dos libros Igrexas e mosteiros e Capelas, ermidas e santuarios, dúas obras do autor Bruno Rúa que afondan no patrimonio relixioso e cultural da comarca da Tamagania. O acto está organizado pola Biblioteca Municipal de Verín.
Estas publicacións nacen coa vontade de ofrecer unha visión completa e rigorosa dos distintos tipos de templos presentes na comarca, estruturando o traballo en dous volumes diferenciados que responden a enfoques e realidades distintas.
Por unha banda, Igrexas e mosteiros recolle unha detallada descrición das igrexas da comarca, incorporando ademais un amplo estudo dos mosteiros, tanto daqueles dos que aínda se conservan restos como doutros que desapareceron co paso do tempo, pero dos que existe constancia histórica.
Pola outra, Capelas, ermidas e santuarios afonda nun tipo de construción relixiosa máis vinculada á devoción popular. Nestes espazos, moitas veces situados en contornas naturais e afastadas, conflúen tradicións pagás e cristiás, configurando lugares de especial simbolismo e identidade cultural. O autor recompila neste volume historias, lendas e descricións que permiten comprender a evolución e significado destes enclaves ao longo do tempo.
A través destas dúas obras, Bruno Rúa ofrece unha completa panorámica do patrimonio relixioso da Tamagania, contribuíndo á súa divulgación e posta en valor.
O acto estará aberto ao público ata completar aforo.