Presentación do libro «O libro negro da lingua galega»
O venres 27 de febreiro ás 19:30 horas, na Biblioteca de Verín, terá lugar a presentación do libro O libro negro da lingua galega, obra de Carlos Callón, editada por Editorial Xerais.
Este volume recolle e analiza testemuños documentados da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, achegando numerosos documentos pouco ou nada coñecidos. A obra aborda desde os castigos escolares por falar galego —acreditados entre 1543 e 1980— ata multas franquistas por “hablar al público en gallego”, inspeccións por “exagerado acento gallego”, a negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616, ou a decisión no Setecentos de non imprimir as Cantigas de Santa María por consideralas de “extravagancia y mal gusto”.
Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras destacan Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, O libro negro da lingua galega e Vidas e historias LGBT da Idade Media. O seu traballo foi recoñecido con galardóns como o Premio da Crítica de Investigación e o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.