
Verín entrega a cinco entidades sociais os 3.430 euros recadados no concerto solidario de «El Señor de los Anillos»
08/10/2026
- A Casa da Cultura retoma a súa programación cinematográfica do 16 ao 18 de outubro coa nova película de Javier Calvo e Javier Ambrossi. As entradas terán un prezo de 5 euros e a carteleira poderá consultarse na web municipal.
Verín, 14 de outubro de 2026. O Concello de Verín inicia esta fin de semana unha nova temporada de cinema comercial na Casa da Cultura coa proxección de «La bola negra», a nova película dirixida por Javier Calvo e Javier Ambrossi, coñecidos artisticamente como Los Javis. As sesións terán lugar os días 16, 17 e 18 de outubro, con cinco pases distribuídos ao longo da fin de semana.
Con esta primeira proxección, a Casa da Cultura recupera a súa programación de cinema comercial, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de desfrutar de estreas cinematográficas na propia vila, sen necesidade de desprazarse a outras localidades.
A película escollida para abrir a temporada é «La bola negra», un drama español de 158 minutos que conta cun destacado elenco integrado por Guitarricadelafuente, Miguel Bernardeau, Carlos González, Milo Quifes, Lola Dueñas, Penélope Cruz e Glenn Close.
A historia entrelaza as vidas de tres homes en tres épocas distintas, conectadas pola sexualidade, o desexo, a dor e a herdanza, tomando como referencia unha das últimas obras inacabadas do escritor Federico García Lorca.
O filme está clasificado como non recomendado para menores de 16 anos.
Horarios das proxeccións
As sesións de «La bola negra» desenvolveranse na Casa da Cultura de Verín nos seguintes horarios:
- Venres 16 de outubro: 20:30 horas.
- Sábado 17 de outubro: 17:00 e 20:30 horas.
- Domingo 18 de outubro: 17:00 e 20:30 horas.
O prezo da entrada será de 5 euros.
A carteleira, dispoñible na web municipal
Co inicio desta nova temporada, o Concello de Verín lembra que a cidadanía pode consultar a programación cinematográfica, as películas previstas e os horarios das próximas proxeccións a través da páxina web municipal, www.verin.gal.
A recuperación das sesións de cinema comercial permite ampliar a oferta cultural e de lecer da vila, consolidando a Casa da Cultura como un espazo de encontro arredor da sétima arte.
Datos da película
- Título La bola negra
- Dirección Javier Calvo e Javier Ambrossi
- Duración 158 minutos
- Xénero Drama español
- Clasificación Non recomendada para menores de 16 anos
- Lugar Casa da Cultura de Verín
- Entrada 5 euros
- Datas Do 16 ao 18 de outubro


