
O Concello de Verín elabora o seu Plan de Autoprotección para o Entroido 2025
17/02/2025
Comunicado Oficial: Entroido de Verín
28/02/2025Verín, 26 de febreiro de 2025. O Concello de Verín anuncia a apertura do prazo de inscrición para os expositores interesados en participar na Feira do Lázaro 2025, que terá lugar os días 5 e 6 de abril no Pavillón de Deportes de Verín. Este evento, que se consolida como unha referencia no calendario festivo da comarca, reunirá unha ampla selección de produtos de artesanía e alimentación, mantendo o seu compromiso coa calidade e a tradición.
A feira contará con expositores especializados en artesanía e alimentación, ofrecendo un escaparate único para mestres artesáns, talleres artesáns e profesionais do sector agroalimentario. O prezo do aluguer dos stands será de 70€ por un espazo de 9m² (3x3m), con opcións adicionais de mobiliario dispoñibles para os participantes (mostrador, 65 €; estante con andeis, 60 €).
O horario de apertura será o seguinte: sábado, 5 de abril: de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 h; e domingo, 6 de abril: de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 h.
Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude ata o 12 de marzo de 2025, a través da Sede Electrónica do Concello de Verín (https://verin.sedeelectronica.gal). No caso de que queden espazos dispoñibles, o prazo poderá ampliarse.
A selección dos participantes realizarase en función do sector, dos produtos ofertados e da súa adecuación á temática da feira, priorizando a variedade e a orixinalidade. Ademais, establecerase unha lista de reserva para aqueles solicitantes que non dispoñan de espazo inicialmente.
Para consultar as bases completas e obter máis información sobre o proceso de inscrición, os interesados poden acceder a web do Concello de Verín ou contactar coa Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Verín a través do teléfono 988 410 000.



