
Máis de 300 persoas participarán na primeira edición de “A Revolta Irmandiña”, a carreira de obstáculos que une deporte, cultura e historia
19/06/2025
Xoán Curiel e A Banda do Verán chegan este sábado á Praza García Barbón cun espectáculo musical para toda a familia
26/06/2025Talleres especializados, exhibicións e actividades lúdicas reunirán a máis de 400 integrantes das AVPC galegas na Preguiza este sábado 28 de xuño.
Verín 25 de xuño do 2025. Preto de 400 voluntarios e voluntarias pertencentes a máis de 60 agrupacións de Protección Civil de toda Galicia participarán este sábado, 28 de xuño, nas IX Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que se celebrarán na zona verde da Preguiza, en Verín. O evento, cun marcado carácter formativo e lúdico, busca recoñecer e poñer en valor a importante labor social e altruísta deste colectivo.
A presentación oficial da xornada tivo lugar esta mañá no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, nun acto presidido polo alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, acompañado pola directora territorial da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Beatriz Fernández Fernández; o xefe do Servizo Provincial de Emerxencias de Ourense, Olivier Reoboredo Campos; a concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil de Verín, Cándida Couñago Lara; e o presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.
Durante a súa intervención, o rexedor verinés quixo destacar «o enorme orgullo que sentimos no Concello de Verín polo traballo incansable das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que representan a esencia da vocación pública e do compromiso coa comunidade. Son un exemplo de entrega desinteresada e de solidariedade, que merece todo o noso recoñecemento e apoio».
A cita, organizada pola Asociación Provincial de AVPC de Ourense e o Servizo Provincial de Emerxencias, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e do propio Concello de Verín, que actúa como entidade anfitrioa.
Ao longo do día, os participantes poderán asistir a talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias —como primeiros auxilios, rescate en montaña ou intervencións con vehículos eléctricos— así como a visitas guiadas, exhibicións de medios e un acto institucional de recoñecemento aos voluntarios e voluntarias do ano.
Ademais do compoñente formativo, o programa inclúe actividades culturais e de lecer como a visita ao manancial de Cabreiroá ou unha excursión ao centro histórico de Chaves (Portugal), con baño incluído nas súas termas.
As xornadas concluirán cun xantar de confraternidade, no que se celebrará a entrega de galardóns ás agrupacións e persoas voluntarias máis destacadas deste ano 2025.



