
Verín acolle a estrea en Galicia do novo documental de Mabel Lozano no XXI Foro da Igualdade de FEMURO
26/09/2025
Verín acolle a V edición da Festa da Cervexa
03/10/2025A escola Kotodama Teatro, con sede en Verín, abre un novo curso académico ampliando a súa programación formativa e reafirmándose como un proxecto de referencia no ensino teatral en Galicia.
Tras sete anos de traxectoria, Kotodama consolidouse como un espazo educativo e creativo singular, recoñecido pola súa metodoloxía próxima, profesional e adaptada a diferentes idades e niveis.
Neste curso, a escola aposta pola conciliación familiar cunha maior flexibilidade horaria e amplía a súa oferta de grupos infantís. As crianzas poderán elixir entre sesións dunha hora ou dúas horas semanais, mantendo sempre o carácter lúdico, formativo e creativo que caracteriza a Kotodama.
Como gran novidade, incorpórase o obradoiro de Interpretación para Cine e TV, que se desenvolverá os martes de 17:00 a 19:00 horas. Trátase dunha proposta pioneira na comarca, dirixida a quen queira iniciarse ou perfeccionar técnicas específicas de interpretación diante da cámara. O programa inclúe contidos prácticos como gravación de escenas, preparación de castings e creación de material audiovisual para o alumnado.
A escola está dirixida por Santi Cañaveral, actor, docente e creador multidisciplinar que, desde 2019, combina a docencia coa participación en proxectos audiovisuais e de artes escénicas.
Desde a súa fundación, o Concello de Verín apoia activamente esta iniciativa cultural e educativa, facilitando que Kotodama continúe a medrar como espazo de referencia para as artes escénicas e audiovisuais no sur de Galicia.
Con esta nova etapa, Kotodama Teatro reforza o seu compromiso coa formación de actores e actrices preparados para afrontar calquera formato artístico, mantendo viva a paixón polo teatro e a interpretación na comarca de Monterrei e en toda Galicia.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 600234318 ou no Instagram oficial da escola: @kotodamateatro







