
Celebrando o espírito do Nadal en Verín: Obradoiro temático de elaboración de coroas florais en colaboración coas florerías Locais
18/12/2025
Presentado o cartel do Entroido de Verín 2026, obra do estudo creativo Pruden Tattoo, formado por Anxo Varela “Pruden” e Lúa Lomo
16/01/2026O sábado 20 Aever dinamizará as rúas con animación musical.
A campaña Os 6000 de Verín entra na recta final. O sorteo será o vindeiro mércores 24

Verín, 19 de decembro de 2025. A Gala de Nadal de AEVER volve ao Pavillón Deportivo de Verín o próximo 4 de xaneiro ás 18:00 horas, cunha proposta familiar chea de humor, música e circo da man de Fran Rei e Félix Rodríguez, que traerán á vila o espectáculo Saaabor de Nadal!, acompañados polas actuacións de Paco Nogueiras e Zirko Txosko.
A entrada será de balde, pero deberá obterse a través das compras realizadas nos establecementos asociados a AEVER, un sistema que vincula directamente a celebración da Gala co apoio ao tecido comercial da vila. A entidade lembra que o obxectivo non é só facilitar o acceso ao evento, senón visibilizar o papel do comercio local como dinamizador esencial da vida económica e social de Verín. Neste sentido, cada ticket obtido mediante as compras converte a asistencia nun xesto de respaldo a un sector que contribúe de forma decisiva á actividade diaria da comarca.
Nesta edición, a Gala estará protagonizada por Fran Rei e Félix Rodríguez, que traerán á vila o espectáculo Saaabor de Nadal! da man de Culturactiva Producións. Dirixida por Avelino González e coa escenografía de Kukas, a peza combina música, maxia, humor, ritmo e participación do público, ofrecendo un “menú do día” tan saboroso como sorprendente. Os dous intérpretes dan vida a dous recoñecidos cociñeiros que elaboran unha proposta escénica chea de xogos, imaxinación e referencias á gastronomía propia destas datas, pero tamén a mensaxes vinculadas ao consumo responsable, á alimentación saudable e á importancia de apoiar o comercio da contorna. No seu repertorio conviven desde villancicos populares ata a célebre Marcha Radetzky, sempre filtrados polo espírito festivo e cómico que caracteriza aos artistas.
A tarde completarase con actuacións que reforzan o carácter familiar e diverso da Gala.
Paco Nogueiras é pura dinamita escénica para público familiar. Coa enerxía dun directo que non dá respiro e un humor que conecta de inmediato con cativos e adultos, Nogueiras transforma cada actuación nun pequeno festival. Os seus espectáculos —Brinca Vai!, Radio Bulebule ou Extra!— recorreron Galicia enteira
e valéronlle dous Premios Martín Códax da Música, consolidándoo como unha das voces máis recoñecidas e queridas da música infantil galega. Cantante, actor e narrador a partes iguais, é capaz de mover a todo un pavillón entre xogos, coreografías e historias cantadas
Xunto a el, Zirko Txosko levará ao pavillón un número de circo contemporáneo cargado de técnica, humor e frescura. A compañía formada por Ariñe Azkue e Óscar Páez chega a Verín tras anos de formación e traballo en escolas e compañías de España, Italia e Arxentina. Acrobacias, equilibrios e técnicas aéreas conviven cun risco totalmente real que mantén ao público en tensión e gargalladas a partes iguais. A proposta mestura teatro, comicidade e participación do público, convertendo cada número nun xogo no que a sorpresa é constante.
Ademais, a Gala contará cunha vertente solidaria grazas á presenza do colectivo Miquiños que instalarán os seu stand informativo no Pavillón Deportivo. A través deste espazo, a asociación dará a coñecer o seu labor social e de protección animal, co obxectivo de sensibilizar e implicar ao público infantil ao tempo que recadarán fondos para continuar desenvolvendo os seus proxectos, convidando ao público asistente a colaborar e implicarse nunha causa solidaria que forma parte activa do tecido asociativo da vila.
Con esta programación, AEVER reafirma o seu compromiso coa dinamización comercial e cultural de Verín. Desde a asociación explican que o comercio local “forma parte da identidade da vila e sostén boa parte da súa actividade diaria”, e lembran que cada compra realizada nos establecementos asociados contribúe a manter vivo ese tecido económico. A Gala de Nadal quere reforzar esa idea converténdose nun punto de encontro festivo que consolide Verín como un Centro Comercial Urbano activo e atractivo, ao tempo que recoñece o labor de todas as persoas e entidades que colaboran para facer posible esta cita anual.
Dinamización musical nas rúas o sábado 20 de decembro e concurso de escaparates para animar as compras do nadal en plena campaña dos 6000 de Verín.
O sábado 20 de decembro en horario de 17:00 a 19:00 AEVER CCU promove unha dinamización musical co obxectivo de incrementar o atractivo da vila e animar á clientela a realizar as súas compras de nadal nun entorno alegre e festivo. A agrupación Nova Era será a encargada de realizar un pasarrúas con paradas en varios puntos que agrupan a diferentes establecementos comerciais. Ademais dende AEVER CCU tamén se ten promovido un concurso de escaparates no que os clientes e clientas son o xurado. O concurso de escaparates reforza a idea xa consolidada de que o comercio local contribúe a que a vila proxecte unha imaxe navideña e festiva. As persoas que realizan compras en calquera comercio local asociado poden votar polos escaparates que máis lle gusten a través dun formulario disponible na páxina web de AEVER. Cada tique de compra da dereito a emitir un voto. Entre as persoas que participen neste xurado,
sortearanse 3 pasaportes de compras de 50€. Os establecementos que resulten
gañadores do concurso de escaparates, tamén recibirán o seu recoñecemento en forma de pasaporte para mercar no comercio local.
Estas actividades e dinamizacións suceden en plena campaña “Os 6000 de Verín” que culminará con sorteo de 6000 euros repartidos en 19 premios o día 24 de decembro. As persoas que fan as súas compras nos establecementos participantes poden depositar as súas participación nas caixas habilitadas nos comercios ata o día 23.



