
⚠️ 𝘼𝙇𝙀𝙍𝙏𝘼 𝙋𝙊𝙍 𝘼𝙑𝙀𝙉𝙄𝘿𝘼𝙎 – 𝙉𝙄𝙑𝙀𝙇 𝙇𝘼𝙍𝘼𝙉𝙓𝘼 🔶
10/02/2026Verín, 10 de febreiro de 2026. O Concello de Verín abre o prazo de presentación de solicitudes para participar como expositor/a na Feira do Lázaro 2026, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de marzo de 2026 no Pavillón de Deportes de Verín, consolidándose como un encontro de referencia para a artesanía, a alimentación e o comercio de proximidade.
A feira contará con horario de apertura o venres 20 de marzo (16:30–21:00 h), sábado 21 (11:00–14:30 h e 16:30–21:00 h) e domingo 22 (11:00–14:30 h e 16:30–20:00 h).
Quen pode participar?
A convocatoria contempla as seguintes modalidades:
Artesanía, dirixida a mestres/as artesáns e persoas físicas ou xurídicas que cumpran as condicións establecidas na normativa vixente.
Alimentación, para expositores con carné de manipulador, alta en IAE e Seguridade Social, obrigas ao día e seguro de responsabilidade civil, entre outros requisitos.
Comercio de proximidade, con alta en IAE, Seguridade Social e obrigas ao día.
Organismos sen ánimo de lucro e centros educativos, aberto a propostas para valoración por parte da organización.
Condicións económicas e servizos
O prezo do aluguer para os tres días é de 90 € por stand de 9 m² (3×3 m). Ademais, ofrécese (opcionalmente) aluguer de mobiliario: mostrador (80 €/unidade) e estante con andeis (75 €/unidade).
Prazo e presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de febreiro de 2026 (podendo ampliarse ata cubrir espazos dispoñibles). A tramitación realizarase preferentemente por vía electrónica mediante formulario normalizado na Sede Electrónica do Concello de Verín, con sistemas de identificación e sinatura admitidos (Chave365, DNIe ou certificado). De xeito excepcional, quen non estea obrigado a relacionarse electronicamente poderá presentar a documentación no Rexistro físico do Concello.
Criterios de selección
A selección farase por orde de entrada, unha vez presentada a documentación completa, priorizando o desenvolvemento económico local, e buscando variedade e orixinalidade dos produtos e propostas. Crearase unha lista de reserva para solicitudes admitidas sen espazo dispoñible. A inscrición será efectiva tras a notificación de aceptación provisional e o pagamento no prazo de 3 días naturais.
Máis información: Concello de Verín (988 410 000) – Oficina de Desenvolvemento Local / Concellaría de Feiras.



