
O Concello de Verín construirá unha nova escola infantil municipal cun investimento de 1.162.000 euros
10/03/2026
O “Pincha no Lázaro” regresa a Verín coa participación de 16 establecementos hostaleiros
13/03/2026A financiación externa representa aproximadamente o 43,4 % do investimento total previsto para 2026.
Verín, 13 de marzo de 2026. O Concello de Verín levará ao pleno municipal do vindeiro luns unha modificación de crédito por importe de 2.271.742,82 euros, financiada fundamentalmente con recursos procedentes de subvencións e achegas doutras administracións, que permitirá reforzar o capítulo de investimentos do orzamento municipal e elevar o investimento total previsto para o exercicio 2026 ata os 5.233.208,66 euros.

O orzamento inicial de investimentos para 2026 ascendía a 2.961.465,84 euros, polo que esta modificación permitirá ampliar de maneira significativa a capacidade inversora do Concello e impulsar novos proxectos estratéxicos para o municipio.
Unha parte destacada destes investimentos conta ademais con financiación externa (2.271.742,82 euros) procedente de subvencións doutras administracións (FEDER – Senda Financieira Plan Edil- e Deputación de Ourense), o que permitirá acometer actuacións de gran envergadura sen que o esforzo económico recaia exclusivamente nas arcas municipais.
Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, esta modificación de crédito «permitirá continuar coa modernización das infraestruturas municipais, mellorar servizos públicos e avanzar en proxectos clave para o desenvolvemento urbano e económico de Verín».
Principais actuacións previstas a curto prazo
Entre os investimentos máis relevantes previstos para o exercicio 2026, e que se executarán a curto prazo, destacan as melloras en infraestruturas e mobilidade, con diferentes actuacións de pavimentación de vías municipais, entre elas o programa de pavimentación en vías urbanas (977.822,29 euros) e o plan de mellora de vías en núcleos rurais (870.000 euros).
Tamén se contempla o asfaltado da Avenida N-532 entre a rotonda da autovía e a rotonda do polígono, cun investimento de 200.000 euros.
Desde o goberno municipal destacan que este esforzo inversor permitirá acometer actuacións estratéxicas en infraestruturas, servizos e espazos públicos, reforzando a transformación urbana de Verín e mellorando a calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, subliñan que os recursos incorporados a través da modificación de crédito «supoñen arredor do 43 % do investimento total previsto para 2026», o que permitirá ampliar de maneira significativa a capacidade inversora do Concello durante o vindeiro exercicio.



