
O “Pincha no Lázaro” regresa a Verín coa participación de 16 establecementos hostaleiros
13/03/2026A programación inclúe a Feira de Artesanía e Alimentación, o concurso gastronómico “Pincha no Lázaro”, concertos, deporte e actos relixiosos, ademais dun amplo programa de catas e showcookings organizados en colaboración coa D.O. Monterrei, a IXP Terneira Galega e AGACAL.
Verín, 16 de marzo de 2026. O Concello de Verín presentou esta mañá a programación oficial da celebración do Lázaro 2026, que terá lugar entre os días 20, 21 e 22 de marzo, consolidándose como unha das citas festivas máis destacadas da primavera na vila.
O programa foi presentado polo concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude, Manuel Lorenzo, e pola concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, quen destacaron o carácter participativo dunha celebración que combina tradición, gastronomía, cultura e lecer para todos os públicos.
Segundo indicou Manuel Lorenzo, «o Lázaro continúa a consolidarse como unha proposta que combina tradición e dinamización económica, converténdose nun punto de encontro para veciñanza e visitantes. A feira e as actividades paralelas contribúen a poñer en valor o noso comercio, os produtos de proximidade e o talento artesanal e gastronómico».
Pola súa banda, Samanta Barreira destacou que «esta celebración combina tradición e promoción do territorio cunha programación pensada para todos os públicos e que permite poñer en valor a cultura, a música e a gastronomía local».
Barreira quixo tamén destacar a importancia da colaboración institucional e sectorial para facer posible esta programación. «Moitas das actividades que conforman o programa do Lázaro son posibles grazas á implicación de diferentes entidades e organismos que colaboran co Concello de Verín», sinalou.
Neste sentido, agradeceu especialmente a participación de entidades como a IXP Terneira Galega, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) ou a Denominación de Orixe Monterrei, que contribúen a enriquecer a programación gastronómica da celebración.
«Este tipo de colaboracións son sempre positivas para os territorios, xa que permiten sumar esforzos e poñer en valor o noso patrimonio gastronómico. Ademais, contamos cun produto propio de gran calidade, que é un auténtico emblema do noso territorio e que merece ser promovido e difundido», destacou.
Feira de Artesanía e Alimentación
Un dos eixos centrais da celebración será a Feira de Artesanía e Alimentación, que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Deportes durante os tres días da programación.
O horario da feira será venres de 16:30 a 21:00 horas (sendo ás 18:30 horas a inauguración oficial do recinto), sábado de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas, e domingo de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.
A feira reunirá numerosos expositores de artesanía e produtos alimentarios de calidade, con presenza de sectores como artesanía en madeira, cerámica, xoiaría artesanal, marroquinaría ou ilustración, xunto con produtos gastronómicos como queixos, mel, embutidos, conservas, doces tradicionais ou produtos ecolóxicos.
Durante a fin de semana tamén funcionará o espazo infantil Ludolázaro, con obradoiros dirixidos ao público infantil o sábado e domingo en horario de 11:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas.
Catas, showcookings e actividades gastronómicas
A programación gastronómica da feira incluirá diferentes catas e degustacións organizadas en colaboración con entidades vinculadas á promoción do produto galego.
Actividades da D.O. Monterrei
A Denominación de Orixe Monterrei participará cun programa de actividades centrado na divulgación dos seus viños.
O sábado 21, ás 11:00 horas, celebrarase a sesión “Versatilidade dos viños brancos da D.O. Monterrei con produto galego”, mentres que ás 19:00 horas terá lugar unha sesión dedicada á versatilidade dos viños tintos da denominación.
O domingo 22, ás 12:15 horas, desenvolverase a actividade “Aprende a combinar os viños da D.O. Monterrei con produto galego”.
Todas estas sesións serán impartidas polo director técnico do Consello Regulador, Miguel López, xunto co chef e xerente do restaurante O Segredo do Retiro, José Luis Prieto. Será necesaria inscrición previa. Prezo 12 euros
Actividades da IXP Terneira Galega
O sábado 21 ás 12:00 horas terá lugar un showcooking da Indicación Xeográfica Protexida Terneira Galega, impartido polo chef José Manuel Mallón.
A actividade completarase ás 13:00 horas cunha degustación popular de Terneira Galega, aberta ao público asistente. Necesaria inscrición previa
Actividades organizadas por AGACAL
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) colaborará con varias actividades divulgativas centradas na promoción de produtos galegos de calidade diferenciada.
O sábado 21 ás 17:00 horas celebrarase unha cata comentada de queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2025, mentres que ás 18:00 horas terá lugar unha degustación de produtos identificados co selo de Artesanía Alimentaria de Galicia.
Estas actividades serán dinamizadas por Salomé Beiroa. Inscrición previa. Actividade gratuíta.
O domingo 22 ás 11:00 horas repetirase a cata comentada de queixos e meles premiados nas Catas de Galicia.
Estas actividades necesitan de inscrición previo, e son de caracter gratuíto
Outras actividades gastronómicas
O programa completarase con outras propostas gastronómicas como a cata de queixos de cabra confitados da Queixería Gaia, impartida polo mestre queixeiro Iván Cubillas, que terá lugar o venres ás 19:30 horas e o domingo ás 18:30 horas. Actrividade Gratuíta
Ademais, o sábado ás 20:00 horas celebrarase unha cata de marmeladas e patés veganos da marca Baroncéli, impartida por Juan Matías.
Lázaro Gastronómico
Outra das propostas destacadas será o III concurso “Pincha no Lázaro”, que se celebrará do 19 ao 21 de marzo coa participación de 16 establecementos hostaleiros da vila, nos que o público poderá degustar e votar os seus pinchos favoritos.
A entrega de premios do concurso terá lugar o domingo ás 19:30 horas no recinto feiral.
Actividades culturais e musicais
A programación cultural comezará o venres 20 ás 18:30 horas coa inauguración oficial da feira, amenizada pola Agrupación Musical Kuartetas, seguida dun paseo institucional polo recinto feiral.
Ese mesmo día, entre as 19:00 e as 20:00 horas, terá lugar unha actuación musical da mesma agrupación no exterior do pavillón.
O sábado 21 ás 16:45 horas actuará a Banda de Música de Verín no recinto feiral. Posteriormente, ás 17:00 horas, celebrarase un pasarrúas musical previo ao IV Festival de Bandas de Música Vila de Verín, que dará comezo ás 17:30 horas na Praza da Mercé.
Participarán neste festival a Chikiband de Xinzo de Limia, a Mini Banda do Conservatorio Profesional de Música de Verín, a Banda de Música de Verín e a Banda Cultura de Galicia (Ourense).
Xa pola noite, ás 00:00 horas, o Parque de Fontenova acollerá un espectáculo de pirotecnia e luz dixital, seguido da actuación da Banda Gaudí ás 00:30 horas na Praza García Barbón.
O domingo 22, entre as 11:45 e as 12:15 horas, e posteriormente entre as 13:00 e as 14:30 horas, desenvolveranse diferentes actuacións do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Verín no Pavillón Municipal.
Pola tarde, ás 17:00 horas, actuará a Agrupación Candaira, cun percorrido polo recinto feiral e actuación na rúa Irmáns Moreno.
A programación musical rematará ás 18:30 horas coa actuación da Orquestra Miramar na Praza García Barbón.
Actividades deportivas e actos relixiosos
No ámbito deportivo, o sábado 21 ás 10:30 horas celebrarase o Torneo das Escolas Deportivas de Natación na piscina climatizada de Verín, no que participarán clubs galegos e portugueses.
Durante os tres días da celebración instalarase tamén na rúa Irmáns Moreno unha mostra de vehículos novos e de ocasión, organizada coa colaboración de concesionarios locais.
Como marca a tradición, o programa completarase o domingo 22 cos actos relixiosos do Lázaro, que incluirán a procesión desde a Capela de San Lázaro ata a Igrexa Parroquial de Santa María a Maior ás 11:40 horas, seguida da misa solemne ás 12:00 horas, coa participación da Coral da Asociación Amigos da Música.
O Concello de Verín convida á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha celebración que combina tradición, cultura e gastronomía, consolidándose como unha das citas máis representativas do calendario festivo da vila.



