
ADEGA inaugura en Verín a mostra «50 anos coidando a terra», unha xanela á memoria colectiva do país
22/05/2026
O Concello de Verín recibe oficialmente ao Verín C.F. tras o seu ascenso a Preferente Futgal
25/05/2026O Concello de Verín lembra o servizo gratuíto de recollida de trastos voluminosos e fai un chamamento ao civismo no uso dos puntos limpos urbanos
O Concello de Verín lembra á veciñanza que dispón dun servizo gratuíto de recollida de trastos voluminosos a domicilio, co obxectivo de facilitar unha correcta xestión destes residuos e evitar o depósito inadecuado de mobles, colchóns, electrodomésticos ou entullos nos puntos limpos urbanos da vila.
Este servizo municipal permite que o persoal encargado recolla directamente no domicilio aqueles residuos de gran tamaño para o seu posterior traslado ao Punto Limpo de Reciclaxe situado no Polígono Industrial de Pazos (s/n, 32600 Verín). Para facer uso do servizo é necesario concertar previamente cita telefónica no número 636 483 344.
Desde o Concello recórdase que os puntos limpos urbanos están destinados exclusivamente ao depósito do lixo doméstico diario e á reciclaxe. Estas instalacións foron creadas para mellorar a xestión ambiental, reducir o impacto visual dos contedores nas rúas e contribuír á mellora da paisaxe urbana de Verín.
A rede de puntos limpos permitiu retirar máis dun cento de contedores do centro urbano, barrios e pobos, concentrando os labores de reciclaxe e baleirado de aceites en espazos específicos, moitos deles integrados visualmente e decorados con murais de carácter artístico, patrimonial e de concienciación cidadá.
O Concello solicita a colaboración veciñal para manter estas instalacións en bo estado e lembra a importancia de respectar as normas básicas de uso destes espazos comúns, depositando correctamente os residuos dentro dos contedores, utilizando cada recipiente para a súa correspondente selección e evitando abandonar lixo ou residuos voluminosos no exterior.
Así mesmo, faise un chamamento ao civismo e á responsabilidade colectiva para preservar uns espazos públicos limpos, ordenados e sostibles, contribuíndo entre todos a manter unha vila máis agradable e respectuosa coa contorna.





