
Cinco propostas gastronómicas para viaxar á Galicia medieval no Pincho Irmandiño 2026
10/06/2026
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, recibiu esta mañá na Casa do Concello a representantes do MotoClub Vila de Verín, colectivo impulsor da recuperación da histórica Concentración Motera de Verín, unha cita que volverá celebrarse, os días 19, 20 e 21 de xuño, tras preto de trinta anos sen formar parte da programación de eventos da vila.
No encontro participaron Juan Carlos Castro, secretario do MotoClub Vila de Verín; Daniel Rodríguez, tesoureiro da entidade; e Alberto Prieto, vogal do club e presidente da Asociación de Hostaleiros de Monterrei (Aehcom), quen presentaron oficialmente ao rexedor o programa desta nova edición e fixeron entrega dunha camiseta conmemorativa do evento como mostra de agradecemento pola colaboración institucional prestada polo Concello de Verín.
A recuperación desta concentración motera supón a volta dunha actividade que durante anos formou parte da vida social e festiva do municipio e que agora regresa coa vontade de consolidarse novamente como un referente para os afeccionados ao motociclismo de Galicia e do norte de Portugal.

Durante a recepción, o alcalde de Verín destacou o valor das iniciativas promovidas polo tecido asociativo local e sinalou que «a recuperación desta concentración motera demostra a capacidade das asociacións verinesas para revitalizar eventos que forman parte da nosa memoria colectiva e que contribúen a dinamizar a economía, a hostalaría e a vida social da vila».
A programación arrancará o venres 19 de xuño coa apertura das inscricións na zona da Preguiza a partir das 19.00 horas. A xornada incluirá un pincho e caña de benvida para os participantes, cea e música a cargo de DJ Cigarrón para dar comezo a unha fin de semana de convivencia entre afeccionados ao mundo das dúas rodas.
O sábado 20 de xuño desenvolverase a xornada principal da concentración. As actividades comezarán ás 10.00 horas coa apertura das inscricións e unha ruta motera pola contorna. A partir das 17.00 horas darán comezo os espectáculos e actividades programadas, entre as que destacan un espectáculo de stunt, toro mecánico, actuacións musicais, a discomóbil Gramola e o concerto de Music Box The Band. A programación completarase cunha cea para os inscritos e a continuación da festa musical ata o peche da noite.
Xa o domingo 21 de xuño, ás 11.00 horas, celebrarase unha ruta motera con pincho organizada polo Concello de Monterrei, seguida dun vermú motero e da entrega de trofeos, acto que servirá para clausurar esta edición marcada polo regreso dunha cita histórica para o motociclismo da comarca.
As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición por un importe de 40 euros en modalidade de preinscrición, mentres que a inscrición durante os días do evento terá un custo de 50 euros. Ademais, a organización habilitará unha zona de acampada para facilitar a estancia dos asistentes e reforzar o carácter de convivencia que define esta concentración.
Entre os principais atractivos desta edición figura o sorteo de dous paquetes para asistir ao Gran Premio de España de MotoGP en Jerez 2027, que inclúe dúas entradas, aloxamento e combustible para a viaxe.
A organización agarda reunir durante a fin de semana a centos de motoristas procedentes de distintos puntos de Galicia, Castela e León e do norte de Portugal, contribuíndo á dinamización da hostalaría, o comercio e o turismo local.
Desde o Concello de Verín quérese agradecer o traballo realizado polo MotoClub Vila de Verín para facer posible o regreso dunha cita que forma parte da memoria colectiva da vila e que contribuirá a reforzar a oferta turística, deportiva e de lecer do municipio durante toda a fin de semana.



