
A Eurocidade Chaves-Verín, AECT, informa sobre a acreditación de prensa e o programa do Rally da Auga 2026
28/08/2026O evento celebrarase os días 10 e 11 de outubro no Parque da Preguiza. Os distribuidores de cervexa, establecementos de alimentación e restauración e foodtrucks poderán presentar as súas solicitudes ata o 21 de setembro.
Verín, 31 de agosto de 2026. O Concello de Verín abre a convocatoria para participar na VI Feira da Cervexa, que terá lugar os días 10 e 11 de outubro de 2026 no recinto do Parque da Preguiza. A iniciativa ofrecerá un espazo de encontro arredor da cervexa e da gastronomía, contribuíndo á dinamización económica e á oferta de ocio da vila durante o outono.
A convocatoria está dirixida a distribuidores nacionais e internacionais de cervexa, así como a establecementos do sector da alimentación e da restauración e foodtrucks con propostas adaptadas á temática da feira. Terán cabida tanto especialidades como salchichas, codillo ou chucrut como elaboracións con produtos da terra, entre elas polvo, empanada, churrasco, hamburguesas e opcións veganas.
O horario de apertura ao público será de 18:00 a 02:00 horas tanto o sábado 10 como o domingo 11 de outubro. Os postos de cervexa situaranse no interior da carpa principal, mentres que os de alimentación disporán de espazos en carpas compartidas anexas. As foodtrucks instalaranse no exterior do recinto, nos lugares asignados pola organización.
Inscricións abertas ata o 21 de setembro
As persoas e entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 21 de setembro de 2026, por vía electrónica, mediante o formulario normalizado —anexo I— e a documentación requirida nas bases, a través da Sede Electrónica do Concello de Verín.
O prazo poderá ampliarse ata cubrir os espazos dispoñibles. As inscricións fóra de prazo deberán consultarse previamente coa organización para comprobar a dispoñibilidade.
O custo da participación para o conxunto dos dous días será o seguinte:
- Distribuidores de cervexa: 40 euros por metro lineal, segundo as medidas solicitadas.
- Alimentación: 100 euros por participante, cun espazo de 2,5 metros lineais nunha carpa compartida de 5 × 5 metros.
- Foodtrucks: 9,32 euros por metro cadrado para os dous días.
Entre os requisitos de participación figuran dispoñer do carné de manipulador de alimentos, estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas e na Seguridade Social, estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social e contar co seguro de responsabilidade civil correspondente. A solicitude deberá acompañarse da documentación acreditativa establecida nas bases.
A selección realizarase en función do sector de actividade e dos produtos e propostas presentados, priorizando a variedade de produto e a temática da feira. Se a demanda supera os espazos dispoñibles, establecerase unha lista de agarda cos mesmos criterios.
Unha vez comunicada a aceptación, as persoas participantes disporán de tres días hábiles para efectuar o pagamento e deberán remitir o xustificante ao correo electrónico adl@verin.gal. A participación implica manter os postos abertos durante os dous días e ao longo de todo o horario establecido.
Documentación para participar
Descarga as bases e os formularios necesarios para formalizar a túa candidatura.
A presentación das solicitudes realízase por vía electrónica na Sede Electrónica do Concello de Verín.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Oficina de Desenvolvemento Local (ADL) no correo electrónico adl@verin.gal ou nos teléfonos 988 410 000 e 691 575 225.



