
O Lázaro 2026 ofrecerá tres días de actividades culturais, gastronómicas, musicais e deportivas en Verín do 20 ao 22 de marzo
16/03/2026
O “Pincha no Lázaro” regresa a Verín coa participación de 16 establecementos hostaleiros
18/03/2026O goberno municipal lamenta que o PP de Verín “priorice o ruído político fronte á realidade dos feitos”.
Verín, 17 de marzo de 2026.O Concello de Verín quere trasladar á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade ante as informacións difundidas polo Partido Popular en relación coa actuación na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).
Lonxe do relato interesado que se pretende instalar, a actuación non só continúa, senón que mellora de maneira significativa as condicións de financiamento, pasando dun esquema inicial no que o Concello asumía o 50% do custo a outro no que o 97,75% do investimento está cuberto agora a través de fondos FEDER, Xunta e Deputación, reducindo a achega municipal ao 2,25%.
Cómpre lembrar que a subvención inicial estaba condicionada a prazos e trámites administrativos complexos, entre eles a necesaria autorización da Confederación Hidrográfica do Duero, que non foi emitida ata 14 meses despois da súa solicitude. Unha vez recibido este informe, o Concello procedeu á licitación inmediata da obra, evidenciando unha actuación dilixente e responsable.
Na actualidade, os traballos están en marcha e céntranse na substitución de maquinaria obsoleta por novos equipamentos de alta eficiencia, que deben ser fabricados expresamente debido ás características técnicas da instalación, nun contexto no que este tipo de subministracións presentan prazos elevados a nivel global.
Cómpre sinalar que esta situación foi comunicada en tempo e forma á Xunta de Galicia, trasladando a realidade técnica e os condicionantes de execución da actuación. Porén, e ante a falta de adaptación ás circunstancias expostas, o Concello optou por activar unha segunda liña de financiamento xa operativa, que permite garantir tanto a continuidade da obra como a súa correcta execución e xustificación.
Deste xeito, non só se asegura a finalización dos traballos no prazo previsto —abril—, senón que se reforza o modelo de financiamento ata acadar o 97,75% do investimento, optimizando os recursos públicos e reducindo ao mínimo a achega municipal.
Desde o goberno municipal subliñan que o verdadeiramente relevante é que a actuación se está executando, que o investimento se mantén e que se optimizan os recursos públicos, garantindo un menor esforzo económico para a cidadanía.
Así mesmo, destacan que Verín está a liderar un proxecto estratéxico do ciclo da auga que permitirá mobilizar 7 millóns de euros para dez concellos da comarca, dos cales aproximadamente o 50% repercutirá directamente no municipio.
Neste contexto, o executivo local considera que «resulta difícil comprender que haxa quen, tras máis dunha década na oposición sen achegar propostas construtivas, sigan optando por xerar alarmas infundadas en lugar de contribuír a poñer en valor proxectos que benefician ao conxunto da veciñanza».
O Concello de Verín reafirma o seu compromiso cunha xestión baseada en feitos, resultados e responsabilidade institucional.
“Os feitos están aí: a obra execútase, o investimento mantense e Verín sae gañando.”, finalizou o alcalde, Gerardo Seoane.



