
Últimas prazas dispoñibles nas actividades gastronómicas do Lázaro 2026
18/03/2026A Sección do Penal, praza nº 1, do Tribunal de Instancia de Ourense absolveu ao alcalde de Verín do delito de desobediencia polo que viña sendo acusado, en relación coa execución dunha resolución xudicial sobre un contrato municipal para o control da seguridade vial.
Na sentenza analízanse as actuacións levadas a cabo polo rexedor tras os requirimentos xudiciais, incluíndo a solicitude de informes técnicos, a incoación de expedientes e a contratación de asesoramento xurídico externo. Na sentenza explícase que «non queda acreditado» que o investigado «levase a cabo un comportamento inactivo non facendo o ordenado» e que «iniciase un procedemento administrativo meramente dilatorio».
Actuación administrativa acreditada
A sentenza recolle que, ao longo do procedemento, o alcalde:
• Solicitou informes aos servizos técnicos e xurídicos municipais
• Iniciou o expediente administrativo correspondente
• Recorreu a asesoramento xurídico externo
• Elevou a proposta ao Pleno municipal para a súa aprobación
Así mesmo, o fallo pon de manifesto que as posibles demoras na tramitación obedecen a circunstancias administrativas e organizativas, sen que poida apreciarse vontade de incumprimento.
A maxistrada conclúe que, da proba practicada, non se desprende que «o acusado actuase coa vontade de incumprir o mandato xudicial». Sinala «a existencia de actuacións administrativas encamiñadas, aínda que de forma tardía, a dar cumprimento á resolución».
A sentenza non é firme, xa que cabe interpoñer recurso ante a Audiencia Provincial de Ourense.
O Concello de Verín reafirma o seu compromiso cunha xestión baseada en feitos, resultados e responsabilidade institucional.



