
Arrinca a nova tempada de cinema municipal no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín
20/11/2025
O Concello de Verín completa os trámites de resolución do contrato dos radares, que tería custado 6 millóns de euros a todos os verineses
21/11/2025Verín, 20 de novembro de 2025. Esta mañá tivo lugar, na sede da Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (Aever CCU), a presentación oficial da nova Xunta Directiva e da nova xerencia da entidade, nun acto no que participou o Concello de Verín, reafirmando así o seu compromiso coa dinamización comercial e co tecido empresarial local.
Durante o encontro, a asociación puxo en valor o traballo desenvolvido pola directiva saínte durante a última década, encabezada por Santos Álvarez e José Ángel Rodicio, quen exercía como xerente. Pola súa banda, o Concello de Verín súmase ao agradecemento expresado por Aever, recoñecendo o compromiso, a implicación e a colaboración mantida durante estes anos en múltiples campañas e iniciativas en favor do comercio de proximidade.
A nova Xunta Directiva estará presidida por Esther Gómez, quen afronta esta etapa con ilusión, continuidade e vontade de seguir impulsando a actividade comercial da vila. Tal e como destacou a propia asociación, a nova dirección ten unha marcada presenza feminina e representa a diversidade multisectorial do comercio verinés.
Así mesmo, presentouse oficialmente a nova xerente, Lucía Aparicio, que asumirá as tarefas de dinamización, xestión e atención ao asociado, en coordinación coa directiva recentemente constituída. Aparicio toma o relevo de José Ángel Rodicio despois dunha década de labor recoñecido tanto polos establecementos como polas institucións colaboradoras.
Campañas comerciais de novembro e decembro: continuidade e reforzo da dinamización local
No mesmo acto, Aever deu a coñecer as campañas previstas para os meses de novembro e decembro:
Black Friday – 28 e 29 de novembro
O comercio local de Verín súmase de novo ao Black Friday cun enfoque centrado na sensibilización e no consumo responsable no pequeno comercio. Preto de 50 establecementos adheridos ofrecerán vantaxes especiais, e realizarase un sorteo de 4 pasaportes de compra de 50€ entre as persoas que rexistren as compras efectuadas durante a campaña.
“Os 6000 de Verín” – 6ª edición – Do 24 de novembro ao 24 de decembro
A campaña máis consolidada do comercio verinés chega á súa sexta edición, reunindo un ano máis a práctica totalidade dos establecementos asociados. Nacida en 2020 nun momento de incerteza, converteuse nunha das accións de maior impacto e fidelidade entre a clientela.
O 24 de decembro realizarase o sorteo dos seguintes premios:
- 1 cheque de 2000 €
- 1 cheque de 1000 €
- 2 cheques de 500 €
- 5 cheques de 200 €
- 10 cheques de 100 €
Esta campaña está ideada e financiada maioritariamente polos propios establecementos, que apostan con forza por unha iniciativa que dinamiza as compras de Nadal e reforza o papel do comercio local como motor económico da vila.



