
“Pensamentos Fuxidos”: a esencia de Rivada regresa a Verín
08/05/2025
A Revolta Irmandiña presenta “Irmandades Miúdas”: Unha aventura para A Cativada
09/05/2025Verín, 8 de maio de 2025. O Concello de Verín informa que, debido ás previsións meteorolóxicas adversas para este sábado, a xornada festiva da “Trisca da Preguiza”, prevista inicialmente na zona verde de A Preguiza, trasládase á Praza García Barbón. Para garantir o desenvolvemento da festa con total seguridade, instalarase unha carpa de 10 x 40 metros que acollerá todas as actividades programadas.
O evento, que terá lugar o sábado 10 de maio a partir das 17:00 horas, será unha gran celebración da cultura popular e tradicional da comarca. Participarán grupos e asociacións comoo Grupo da Banda de Gaitas Nova Era (Monterrei), Candaira (Castrelo do Val), Silverias do Támega (Laza), As Travesas (A Mezquita), As Torgueiras (A Gudiña), Os Trouleiros (Monterrei); así como distintas Asociacións de Mulleres Rurais de A Rasela, Mandín, Mourazos, Tamagos, Queizás, Castrelo e Vilaza.
A programación inclúe un obradoiro de baile ás 17:20 horas, xogos tradicionais e actividades pensadas para públicos de todas as idades.
Como broche final, ás 21:30 h terá lugar o concerto do grupo Ailá, unha das propostas máis innovadoras e potentes do panorama da música tradicional galega actual.
AILÁ: “TRADI” PARA SENTIR E BAILAR
Ailá é moito máis ca un grupo de música: é unha viaxe ao corazón da tradición a través dun son fresco, potente e cargado de emoción. Inspirados na música de transmisión oral, os seus catro integrantes propoñen unha experiencia festiva e comunitaria onde a palabra clave é bailar.
Con arranxos impecables e baseándose en recollidas históricas do saber musical popular, Ailá mergúllanos no seu universo ‘TRADI’ —como eles mesmos chaman ao seu estilo—, creando unha nova sonoridade que, sen renunciar á raíz, conecta tamén coas xeracións máis novas.





