
Unidades do Seprona, Pegaso e Cabalería da Garda Civil visitaron o Campamento Urbano e a Ludoteca de Verín para concienciar sobre o medio ambiente
14/07/2025
O C.R.D.O. Monterrei e o Concello de Verín renovan o convenio de colaboración para a Feira do Viño de Monterrei
15/07/2025Verín 14 de xullo do 2025. A vila de Verín prepárase para acoller unha nova edición do Extruga na Rúa, o festival de referencia da cultura urbana no sur de Galicia, que este ano celebra a súa sétima edición cunha programación diversa, gratuíta e aberta a toda a veciñanza.
A presentación do evento tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, a cargo de Hugo Salgado, membro da organización, e Samanta Barreira, concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, quen destacou «o compromiso do Concello con iniciativas culturais que conectan coa mocidade e co tecido creativo local e galego».

«O Extruga na rúa é xa unha cita consolidada no calendario estival de Verín, que combina deporte, arte, cultura urbana, gastronomía e lecer nun ambiente de convivencia interxeracional», salientou Barreira.
A xornada terá lugar o sábado 19 de xullo, dende as 11:30 da mañá ata ben entrada a madrugada, e converterá as prazas, rúas e espazos emblemáticos da vila nun auténtico escaparate de música, arte urbana, deporte e convivencia. Como novidade destacada, todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto, reforzando o carácter inclusivo e comunitario do festival.
Un programa diverso e para todos os públicos
O día comezará ás 11:30 horas cun escape room urbano na Praza do Concello da man de Camiñando Cara Atrás. Ao mediodía, a Praza Maior acollerá un obradoiro de break dance (12:00–14:00) para público infantil e xuvenil. A música arrancará co ambiente da sesión vermú no Bar Zurria (12:30–15:00) a cargo de Revolutionary Brothers ft. King Konsul.
A partir das 17:00 horas, a zona verde de A Preguiza converterase no epicentro do movemento urbano con:
- Obradoiro de parkour (17:00–20:00 h)
- Competición Liga Xunta Break (17:00–20:30 h)
- Workshop de Livrecorte (18:00–20:00 h)
- Xogo de sacos para os máis pequenos (18:00–20:30 h)
- Batallas de freestyle da Ceiba Rimas (18:00–20:30 h)
- E un mercadiño urbano con foodtrucks (16:30–04:00 h)
O Escenario Principal acollerá a partir das 20:45 as actuacións musicais dunha selección de artistas que representan o mellor da escena urbana actual:
- Ceiba Rimas (Final) – 20:45–21:00 h
- 9 Louro – 21:00–21:30 h
- Kid Mount – 21:40–22:10 h
- Largo da Cumbia – 22:20–23:10 h
- Pappaquino – 23:25–23:55 h
- El Virtual – 00:10–01:00 h
- OBF & Sr. Wilson – 01:10–02:50 h
- Gea – 03:00–04:00 h



