
Calidade, tradición e modernidade: Verín acolle a XVIII edición da súa feira vitivinícola máis emblemática
03/07/2025
Verín acollerá o espectáculo de danza “Coreografías dun DeMente”, unha reflexión artística sobre a saúde mental
07/07/2025A peza, creada pola artista Patricia Portela Vaamonde, afonda na crise global da verdade e pon o foco na liberdade como valor en perigo.

Verín, 4 de xullo de 2025. O Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín celebra este ano unha década de vida e faino cunha imaxe gráfica cargada de simbolismo e crítica, asinada pola artista Patricia Portela Vaamonde, de The Office Comunicación. A proposta visual, baixo o lema “A verdade nunca foi tan fráxil”, convida a reflexionar sobre a erosión da verdade nunha sociedade cada vez máis sometida ao ruído dixital e á desinformación.
A ilustración central recupera a icónica man coa antorcha da Estatua da Liberdade, símbolo universal da liberdade e da verdade como luz que guía. Porén, esa antorcha aparece distorsionada por erros do sistema: pantallas de fallo, alertas dixitais, bugs… elementos propios dun mundo virtual que substitúe a realidade por ruído. “A metáfora é clara: ese sistema que debía protexer a verdade colapsa diante do bombardeo constante de falsidades”, explica Portela Vaamonde.
“A gráfica xira arredor da idea de que a verdade, pilar fundamental de calquera sociedade libre, está a sufrir unha fonda devaluación. Nun mundo saturado de información e dominado polas fake news, o concepto de liberdade que nos sustentaba como sistema está a fallar”, engade a deseñadora, que creou este concepto da man do responsable da área de Creatividade do festival, Jorge Godás.

O cartel destaca polo uso predominante do ton vermello, “asociado co perigo, coa alarma e coa urxencia”, o que “intensifica a sensación de colapso, advertencia e vulnerabilidade”. Segundo a súa creadora, esta proposta visual e textual “pretende sacudir conciencias e chamar á reflexión sobre a importancia de preservar a verdade como ben común, como base para construír unha sociedade realmente libre”.
Desde o equipo directivo do festival sinalan que a elección desta imaxe e temática non é casual. “Celebrar dez anos non é só mirar atrás, é interpelar o presente. O FIC Vía XIV sempre defendeu o cinema como ferramenta para pensar o mundo, e nesta edición facémolo poñendo o foco no valor, hoxe máis ameazado ca nunca, da verdade”, indica Godás.
As curtametraxes a concurso nesta edición xirarán arredor desta mesma temática, abrindo espazos para cuestionar, expoñer e iluminar as zonas escuras da realidade contemporánea. Ademais, ao longo das vindeiras semanas iranse anunciando outras actividades paralelas que completarán un programa pensado para celebrar o cinema e a cultura como ferramentas de pensamento crítico e transformación social.



