
A XVII Feira do Viño de Monterrei reunirá viño, cultura e gastronomía en Verín
01/08/2024
O FIC Vía XIV aposta pola creación audiovisual en novos formatos: nesta edición gravarase un podcast e unha curta en vivo
06/08/2024Unha fusión de viños, gastronomía e música con prazas limitadas para poñer en valor os produtos locais
O Auditorio Municipal de Verín acolle o sábado 31 de agosto unha experiencia gastronómica gourmet da man de Begoña Vázquez, que ven de recibir o premio á Mellor Cociñeira Galega do Ano, así como da Denominación de Orixe Monterrei. O FIC Vía XIV aposta nesta edición por ir máis alá da pantalla. Na súa liña de fomentar o turismo sostible na vila, promove esta actividade na que un número reducido de persoas poderán gozar dunha experiencia multisensorial na que viño, música e produtos locais escollidos con moito mimo se mesturan nunha combinación única. As entradas están dispoñibles en Ataquilla
Begoña Vázquez, gañadora do premio Cociñeiro Galego do Ano 2024 e a primeira muller en conseguilo, acompaña as persoas asistentes nesta experiencia culinaria a descubrir a riqueza gastronómica da nosa contorna a través dunha cata xunto a Denominación de Orixe Monterrei, un dos patrocinadores que fan posible o FIC Vía XIV e insignia da gastronomía da nosa contorna. Ademais, haberá unha maridaxe con produtos locais selectos.
Begoña é unha das cociñeiras máis salientables do panorama actual e nas súas creacións predomina a mestura entre cociña tradicional e de vangarda. Unha experiencia multisensorial que mestura viño, comida e música, estimulando todos os sentidos das persoas participantes de xeito armonioso e complementario.
Por parte da D.O. Monterrei a cata será impartida polo Director Técnico Luis Miguel López Núñez.
Durante a mesma poderase degustar un viño branco e un viño branco sometido a un proceso de envellecemento en barrica, así como un viño tinto e un viño tinto barrica. Na actividade descubriremos a gran versatilidade dos viños de Monterrei e trataremos de crear os acordes perfectos, para disfruta dunha sinfonía única entre viño, gastronomía e música.
Dende o festival, agradecen a súa participación así como o apoio da Denominación de Orixe Monterrei. “A cultura non existe de xeito illado á contorna. Por iso, dende o FIC Vía XIV apostamos por unha fusión entre cinema e gastronomía. Crear sinerxías e potenciar o talento e produtos locais é fundamental para continuar coa nosa teima de facer de Verín o centro neurálxico do turismo na contorna”, asegura Carlos Montero, director do festival.



