
Verín mobiliza máis de 2,27 millóns de euros de financiamento externo para elevar os investimentos municipais ata os 5,23 millóns en 2026/27
13/03/2026A vila de Verín prepárase para celebrar unha nova edición do Pincha no Lázaro, unha cita gastronómica xa consolidada dentro da programación do Entroido do Lázaro. Nesta ocasión, o certame contará coa participación de 16 establecementos hostaleiros, que deseñaron propostas creativas para competir polo favor do xurado e do público asistente.
O evento desenvolverase durante os días 19, 20 e 21 de marzo, convertendo a localidade nun referente da cociña en miniatura na comarca de Monterrei.
Os establecementos participantes nesta edición son A Dorna, A Morriña, Aturuxo, Bar Botánico, Bar Encontro, Bar Noia, Bar Oasis, Gandainas, Gastrobar Aqua, Laluma, O Enredo, Restaurante A Fonte, Restaurante Brasil, Restaurante O Ferro, Restaurante San Roque e Várzea Cafetería. Cada local presentará un pincho único, elaborado especificamente para esta convocatoria, integrando ingredientes de proximidade como o viño da Denominación de Orixe Monterrei ou a pataca, xunto con técnicas que combinan tradición e innovación culinaria.
Esta iniciativa busca dinamizar o sector hostaleiro durante as festas do Lázaro, ao tempo que pon en valor o talento e o produto local a través de receitas orixinais. A organización destaca que esta nova edición reforza o orgullo hostaleiro da vila nun dos eventos gastronómicos máis esperados do calendario anual de Verín.
Sistema de votación
O concurso contará cun xurado técnico, que visitará os establecementos de forma anónima para valorar os pinchos segundo tres criterios: sabor, presentación e dificultade na elaboración (puntuación de 1 a 5) .
Paralelamente, haberá un xurado popular. As persoas consumidoras que degusten o pincho poderán cubrir unha papeleta coa súa valoración (de 1 a 5), indicando os seus datos persoais e depositándoa nun buzón habilitado en cada local participante . Non poderán votar familiares directos dos establecementos.
As urnas serán retiradas o domingo pola mañá e o reconto das papeletas realizarase o 22 de marzo, levantándose acta co fallo definitivo do concurso.
Premios
O establecemento gañador recibirá un diploma acreditativo como campión do terceiro concurso gastronómico do Lázaro, ademais de recoñecementos específicos ao mellor sabor, mellor presentación e maior dificultade na elaboración.
No caso do público participante, sortearanse diversos premios entre todas as papeletas recibidas,:
1º PREMIO | Concello de Verín: un vale de 100€ para gastar nos establecementos participantes.
2º PREMIO: un xamón doado por Antonio Martín.
3º PREMIO: un estuche de viño doado por D.O. Monterrei.
4º PREMIO: un termo de alimentos sólidos doado por Tien 21.
5º PREMIO: un estuche de viño doado por D.O. Monterrei.
6º PREMIO: Un Bono regalo para escapada termal de Chaves.
7º PREMIO: un lote de produtos gourmet.
8º PREMIO: unha cesta de artesanía variada galega feita a man.
O sorteo das papeletas realizarase ás 13:30 horas no que se lle comunicará aos gañadores a través dunha chamada telefónica, e a entrega de premios farase ás 19:00 horas presencialmente no stand do Concello de Verín.



