
O FIC Vïa XIV quenta motores para a súa décima edición e abre a inscrición de filmes para as súas seccións oficiais renovadas
29/01/2025
Aberto o prazo de inscrición de carrozas e comparsas para o Entroido de Verín 2025
05/02/2025- Telefonía fixa, móbil e internet seguen liderando o número de queixas, cun total de 362 reclamacións.
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Verín presentou o seu balance anual, no que destaca que as telecomunicacións e o comercio electrónico continúan sendo os sectores que xeran máis reclamacións, consultas e mediacións por parte da veciñanza da vila do Támega.
O ámbito das telecomunicacións (telefonía fixa, móbil e internet) segue liderando o número de queixas, cun total de 362 reclamacións. Os principais motivos son o incumprimento de ofertas prometidas verbalmente, a falta de envío do contrato coas condicións pactadas, facturacións incorrectas, cargos inxustificados e deficiencias no servizo.
O comercio electrónico experimentou un notable incremento en reclamacións, con 167 casos rexistrados. Os problemas máis habituais inclúen: non recibir o produto adquirido, falta de stock sen devolución do diñeiro ou cobros indebidos por devolucións tras o desistimento, atrasos na devolución do importe ou desaparición da web vendedora.
En moitos casos, non foi posible formalizar unha reclamación debido á falta de información sobre a empresa na páxina web, especialmente cando se trata de comercios fóra da Unión Europea. Dende a OMIC recoméndase comprobar sempre os datos da empresa antes de realizar unha compra, así como optar por métodos de pago seguros, como tarxetas prepago.c
«Algúns dos fraudes detectados inclúen a compra dunha tesoira podadora que resultou ser un maletín de accesorios de xoguete, unha motoserra de 3000W que en realidade era de 500W, ou a adquisición dun móbil e foi entregada unha batería e unha botella de auga», explican desde a OMIC.
Outro dos problemas detectados foi a proliferación de mensaxes SMS fraudulentos, nos que se suplanta a identidade de organismos oficiais como Correos ou a Axencia Tributaria, solicitando datos bancarios ou acceso a ligazóns sospeitosas. Dende a OMIC non acceder nunca a estas ligazóns nin proporcionar información persoal.
Fronte a estes problemas, a OMIC subliña a seguridade que ofrece o comercio local, onde as reclamacións son mínimas. En caso de conflitos, apóstase pola mediación para acadar solucións de forma áxil, confidencial e beneficiosa para ambas as partes.
Outros sectores reclamados
O terceiro sector con máis reclamacións foi o eléctrico, con 55 casos, principalmente por problemas de facturación, cambios non autorizados da comercializadora e cobros indebidos de servizos de mantemento.
Ademais, rexistráronse queixas en sectores como seguros, banca, mensaxería, liñas aéreas e reparación de vehículos, cun total de 48 reclamacións. Outras áreas afectadas foron centros de estética, tendas de calzado, tinturarías, ximnasios, residencias de anciáns, gasolineiras, tendas de mobles, electrodomésticos e clínicas privadas.
Cada vez son máis os veciños e veciñas que fan uso da Oficina Municipal de Información ao Consumidor de Verín, dependente da área de Benestar Social do Concello, destacando o seu labor na axilización de reclamacións e na defensa dos dereitos dos consumidores.



