
Declaración do Alcalde de Verín, Gerardo Seoane
24/09/2025
Kotodama Teatro arrinca o curso cunha oferta ampliada e un novo obradoiro de Interpretación para Cine e TV
02/10/2025● O Auditorio de Verín acollerá a estrea en Galicia da nova curta documental de Mabel Lozano, «Abril: Hoy no es invierno», recentemente estreada no Festival de San Sebastián
● Esta edición artéllase baixo o lema «As que Resisten: Da ferida á palabra, da palabra á forza». Serán dúas xornadas con actividades para todos os públicos con conferencias, testemuñas en primeira persoa, cinema documental e, sobretodo, espazos de conversa e convívio
● O XXI Foro da Igualdade convértese de novo nun espazo para dar voz ás mulleres e fortalecer a rede asociativa de FEMURO, que suma máis de 60 colectivos de toda a provincia
● Como novidade desta edición, a xornada inaugural estará enfocada ao público xuvenil en colaboración cos Centros Educativos da comarca
Mércores, 24 de setembro de 2025. Os días 3 e 4 de outubro de 2025, o Auditorio de Verín acollerá o XXI Foro da Igualdade de FEMURO baixo o lema “As que resisten: Da ferida á palabra, da palabra á forza”. O evento, que conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, reunirá este ano figuras destacadas do panorama nacional como Adriana Cardozo, Noelia Míguez ou Mabel Lozano, que presentará por primeira vez en Galicia a súa nova curta documental, apenas uns días despois da súa estrea no Festival Internacional de San Sebastián.
As entradas pódense reservar a través do teléfono 988 41 13 90 ou o propio día no propio Auditorio de Verín.
O Encontro combinará testemuños en primeira persoa, proxeccións de cinema social e espazos de diálogo entre institucións, cidadanía e asociacións de mulleres do rural. O obxectivo é visibilizar a resiliencia das mulleres fronte ao maltrato, promover a educación en igualdade desde a base e reforzar a rede asociativa de FEMURO, que agrupa máis de 60 colectivos da provincia de Ourense.
Ademais, como novidade nesta edición, o programa incorpora unha xornada inaugural para o público xuvenil. Nesta sesión intervirá Noelia Míguez coa ponencia “Sinais que deixan pegada”, pensada para achegar á mocidade ferramentas de detección temperá e destacar a importancia de previr a violencia de xénero desde a base.
Programación do 04 de outubro. Aberto ao público
A xornada abrirá, a partir das 10.00h da mañá, coa estrea en Galicia de Abril. Hoy no es invierno, o novo documental de Mabel Lozano, presentado hai apenas uns días na “alfombra vermella” do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde compartiu pantalla con figuras como Matt Dillon, Colin Farrell ou Angelina Jolie. Xunto a esta estrea, proxectarase tamén Ava, filme co que Lozano acadou o Premio Goya 2024 á Mellor Curtametraxe Documental. Ambas as dúas obras afondan na explotación e na violencia contra as mulleres, desde a ollada comprometida e crítica do cine social.
Tras as proxeccións, o público terá a oportunidade de manter un coloquio directo con Mabel Lozano, coñecer de primeira man o proceso creativo e afondar nas realidades que denuncia. Un encontro próximo e único, pensado para que a veciñanza, a mocidade e as institucións teñan acceso directo a unha das voces máis recoñecidas do cine social en España.
Coñecida para o gran público pola súa faceta como actriz e presentadora en programas de televisión tan populares como Noche de Fiesta, La Ruleta de la Fortuna ou Grand Prix, e en series como Los ladrones van a la oficina ou La casa de los líos, Mabel Lozano deu un xiro á súa carreira para converterse nunha das voces máis recoñecidas do cine social en España. Escritora e directora, é tamén activista na defensa dos dereitos das mulleres. No seu traballo audiovisual destaca especialmente a denuncia da explotación sexual e a trata de mulleres, temática que a levou a gañar dous premios Goya e a proxectar o seu cinema en festivais de todo o mundo. En 2025 presenta o documental Abril. Hoy no es invierno, estrea mundial no Festival Internacional de San Sebastián, e continúa unha traxectoria recoñecida en títulos como Chicas Nuevas 24 Horas (nominado aos Goya) ou Ava (Goya 2024 ao mellor curtametraxe documental).
O acto continuará coa testemuña en primeira persoa de Adriana Cardozo, muller supervivente que chega dende Canarias para compartir a súa historia de vida e poñer en valor a forza da resiliencia fronte ao maltrato.
SOBRE FEMURO
FEMURO é a Federación de Mulleres Rurais de Ourense, que agrupa a máis de 60 asociacións de mulleres rurais de toda a provincia. Con 27 anos de traxectoria, leva traballando de xeito continuo na loita contra as discriminacións de xénero e na sensibilización social a través de programas culturais e sociais. Entre as súas iniciativas destaca o Foro da Igualdade, que chega este ano á súa XXI edición, consolidado como un espazo de referencia para o diálogo, a formación e a defensa da igualdade. O Encontro é posible grazas á colaboración entre FEMURO e a Consellería de Política Social e Igualdade para o desenvolvemento do proxecto Fíos Violetas: prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Ademais, FEMURO desenvolve numerosos programas sociais dirixidos a mulleres e comunidades do rural, fortalecendo redes de apoio e recursos no territorio. No ano 2020, a súa labor foi recoñecida coa Medalla Emilia Pardo Bazán, un premio que avala o compromiso e o impacto do seu traballo en prol da igualdade real.






