
Arte, reflexión e música: así será a V Gala da Igualdade no Auditorio Municipal
19/11/2024
A Asociación de Empresarios de Verín -AEVER- sortea entradas para Leo Bassi en Verín
20/11/2024
O Concello de Verín vén de anunciar a creación dunha nova gardería pública para nenos de 0 a 3 anos, que ademais será xestionada directamente polo propio municipio. Este proxecto será posible grazas a unha subvención de 710.821,10 euros concedida pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia – a través dos fondos europeos Next Generation, para a creación de devandito centro. A iniciativa permitirá atender unha demanda histórica das familias do municipio, ampliando e mellorando os servizos públicos esenciais.
Desde o grupo de goberno salientaron a importancia deste investimento: «Este proxecto responde a unha necesidade longamente reclamada pola nosa veciñanza. Con esta nova gardería, Verín dá un paso adiante en conciliación, educación e apoio ás familias, piares que consideramos fundamentais para o desenvolvemento da nosa comunidade».
Unha infraestrutura clave para Verín
A nova gardería pública non só ampliará a oferta educativa para os máis pequenos, senón que tamén xerará un impacto positivo en diversos ámbitos:
- Conciliación laboral e familiar: Permitirá ás familias traballadoras acceder a un servizo esencial público que lles permitirá equilibrar as súas responsabilidades.
- Desenvolvemento infantil: Garantirá educación e coidado de calidade nunha etapa decisiva para o desenvolvemento dos menores.
- Revulsivo económico e social: A creación do centro xerará emprego local e mellorará a calidade de vida no municipio, fortalecendo o seu atractivo como lugar para vivir e formar familia.
A construción desta nova infraestrutura reforza o compromiso do Concello de Verín coas políticas sociais e o benestar de todos os verineses e verinesas. Con este investimento, Verín avanza cara a un modelo máis inclusivo e equitativo, que aposta polo futuro das familias e o desenvolvemento sostible do territorio.
Esta novo centro educativo infantil é posible grazas á concesión dunha subvención enmarcada no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do mecanismo NextGenerationEU. Os fondos, canalizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, están destinados á modernización e dixitalización do sistema educativo, incluíndo a educación temperá de 0 a 3 anos, tal e como establece o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello. Este apoio europeo reflicte o compromiso de apostar por un modelo educativo máis inclusivo e adaptado ás necesidades actuais.



