
O FIC Vía XIV converte a Verín no epicentro do cinema con decenas de curtametraxes de máis de vinte países na súa décima edición
03/10/2026
Verín entrega a cinco entidades sociais os 3.430 euros recadados no concerto solidario de «El Señor de los Anillos»
08/10/2026
- Xoguetería Kuqui, Chabela Regalos, Marise Salgado, UnoUno e Santiveri recibiron os galardóns nunha gala celebrada no Auditorio de Verín. O premio honorífico foi para almacenes Recaredo Romero, establecemento histórico da vila.
- A iniciativa, organizada por AEVER co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través de Comercio Galego, contou cunha ampla participación de comerciantes, tecido asociativo e hostaleiro, autoridades e veciñanza.
Verín, 5 de outubro de 2026. O Auditorio de Verín acolleu o pasado venres, 2 de outubro, a primeira edición dos Premios ao Comercio de Verín, unha iniciativa do Centro Comercial Urbano AEVER para recoñecer o traballo dos establecementos locais e das persoas que os impulsan. A gala contou coa asistencia de máis de 200 persoas, entre comerciantes, autoridades autonómicas provinciais e municipais, representantes do tecido hostaleiro e asociativo e cidadanía. A actriz galega Iria Sobrado conduciu a cerimonia, que combinou a entrega de galardóns con espectáculo e música en directo a cargo do grupo Mr Cool.
A iniciativa contou co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través de Comercio Galego, no marco da campaña extraordinaria de AEVER, unha das cinco seleccionadas na convocatoria autonómica de apoio aos centros comerciais abertos. A celebración contou, así mesmo, coa colaboración do Concello de Verín. Os premios, concedidos tras a valoración dun xurado integrado por catro membros, distinguiron cinco ámbitos da actividade comercial.
Xoguetería Kuqui recibiu o recoñecemento á Renovación ou Relevo Xeracional, entregado polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro. Nesta categoría tamén foron finalistas Pato Joyeros e Modas San José.
O premio ao Compromiso coa Comunidade e Identidade Local recaeu en Chabela Regalos e foi entregado polo deputado provincial José María Lago. Completaron a relación de finalistas a Clínica Veterinaria San Roque e Xamonería Antonio Martín.
Na categoría de Novo Comercio, o establecemento galardoado foi Marise Salgado, que recibiu o premio de mans do expresidente de AEVER, Santos Álvarez. As Pescadeiras e Tatiana Estética Avanzada foron as outras dúas candidaturas finalistas.
Pola súa banda, UnoUno obtivo o premio á Innovación Comercial de Proximidade, entregado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane. A esta distinción tamén optaban Abeloura Boutique e Xamonería Antonio Martín.
O recoñecemento á Mellor Comunicación Comercial de Proximidade foi para Santiveri, que recibiu o galardón de mans do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo. Nesta categoría tamén foron finalistas a Clínica Veterinaria San Roque e Coco Shoes.
A cerimonia incluíu, ademais, a entrega do premio honorífico a Almacenes Recaredo Romero, un establecemento histórico da vila. A presidenta de AEVER, Esther Gómez, e a xerente da asociación, Beatriz Duarte, foron as encargadas de entregar esta distinción.
Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, quixo recoñecer o labor de AEVER e destacou o esforzo diario das persoas que están detrás do comercio de proximidade, así como a súa contribución á identidade de Verín e á actividade das súas rúas.
«Detrás de cada comercio hai persoas que dedican moitas horas, ilusión e esforzo a sacar adiante o seu negocio. Con estes premios queremos recoñecer ese traballo, tanto de quen leva décadas atendendo á veciñanza como de quen acaba de abrir as súas portas. Esta primeira gala é tamén un agradecemento á clientela que segue confiando no comercio de Verín»
Esther Gómez, presidenta de AEVER
No transcurso do acto celebrouse tamén o sorteo de dous cruceiros polo Mediterráneo da campaña “Viaxa co Comercio”, promovida por AEVER co financiamento do Inorde, no que resultaron premiados Victoria Echevarría e Oriol. Con esta proposta, a asociación quixo premiar a fidelidade da clientela e animar a seguir comprando nos establecementos da vila.
A gala en cifras
- Data Venres 2 de outubro
- Lugar Auditorio de Verín
- Asistencia Máis de 200 persoas
- Galardóns 5 categorías e 1 honorífico
- Presenta Iria Sobrado
- Música Mr Cool
- Xurado 4 membros
- Sorteo 2 cruceiros polo Mediterráneo
Palmarés da primeira edición
Establecementos galardoados, autoridades que entregaron cada premio e finalistas de cada categoría.
Renovación ou Relevo Xeracional
Xoguetería Kuqui
EntregaGabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo
FinalistasPato Joyeros · Modas San José
Compromiso coa Comunidade e Identidade Local
Chabela Regalos
EntregaJosé María Lago, deputado provincial
FinalistasClínica Veterinaria San Roque · Xamonería Antonio Martín
Novo Comercio
Marise Salgado
EntregaSantos Álvarez, expresidente de AEVER
FinalistasAs Pescadeiras · Tatiana Estética Avanzada
Innovación Comercial de Proximidade
UnoUno
EntregaGerardo Seoane, alcalde de Verín
FinalistasAbeloura Boutique · Xamonería Antonio Martín
Mellor Comunicación Comercial de Proximidade
Santiveri
EntregaManuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense
FinalistasClínica Veterinaria San Roque · Coco Shoes
Premio honorífico
Almacenes Recaredo Romero
EntregaEsther Gómez, presidenta de AEVER, e Beatriz Duarte, xerente
RecoñecementoAo establecemento histórico da vila


