
Verín presenta unha nova edición da súa Feira de Nadal, que reunirá 29 expositores e unha variada cultural na Praza Maior
28/11/2025
A Banda de Gaitas Nova Era celebra o seu décimo aniversario co espectáculo “DEZ” no Auditorio de Ourense este domingo
04/12/2025
Verín, 28 de novembro de 2025. O vindeiro martes 2 de decembro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá unha nova edición da Gala da Igualdade, un evento que une cultura, compromiso e talento local para poñer en valor os principios de xustiza, igualdade, inclusión e non discriminación. A gala, organizada polo Conservatorio Profesional de Música de Verín (CMUS), a súa ANPA e o Concello de Verín, estará dedicada a Santa Icía, patroa da música e das persoas músicas.
Esta edición incorpora un programa diverso, no que a música e a creación local terán un papel protagonista. O alumnado do CMUS abrirá a gala coa actuación “O meu primeiro concerto”, unha mostra do talento emerxente das novas xeracións de músicos e músicas da vila.
Un dos momentos centrais da velada será a inauguración da nova aula “Homenaxe a quen loita pola igualdade”, un espazo simbólico que recoñece o traballo continuo de persoas e colectivos comprometidos coa defensa dos dereitos, a inclusión e a igualdade real.
A nivel artístico e musical, o público poderá gozar das actuacións de KUARTETAS, así como do Grupo da Banda de Gaitas Nova Era.
Como é habitual, a gala pechará cun momento de convivencia entre o público e os participantes: unha chocolatada final, pensada para compartir e celebrar en comunidade os valores que inspiran este encontro anual.
A entrada será gratuíta ata completar aforo.
Dende o Concello de Verín convidamos á veciñanza a sumarse e desfrutar dunha celebración que reivindica, a través da arte, unha sociedade máis xusta e igualitaria.



