
O Concello de Verín convoca a terceira edición do concurso gastronómico “Pincha no Lázaro”
24/02/2026Verín, 24 de febreiro de 2025. A Biblioteca Municipal do Concello de Verín organiza o vindeiro 5 de marzo, ás 19:30 horas, no salón de actos da Casa do Cultura, a presentación do libro Nos regos de novembro, do autor verinés Francisco Xavier Pérez Álvarez.
A obra estructúrase nunha serie de capítulos inconexos e senlleiros cunha temática variopinta e diversa através dun estilo cambiante adaptándose ás necesidades que require a prosa en cada intre, acorde á visión e ó xeito de estar e entender o mundo dende a perspectiva do narrador. Ao longo das páxinas o avezado lector poderase atopar con reflexións e meditacións de cariz filosófico sobre diferentes ámbitos como o sentido da vida, a existencia do alén, a soidade ou a morte; outras veces, a pluma do narrador farase máis cortante con descricións de carácter mordaz e epigramático que nos mergullan nunha brétema que debuxa escenas esperpénticas e insólitas. Non son poucas as ocasións nas que reverbera a voz máis profunda e intimista onde afloran os sentimentos e emocións máis entrañables e líricos, servindo de trasfondo poético para o universo narrativo. Incluso haberá un substrato de corte máis xornalístico que eleva á categoría poética o valor da anécdota, nun estilo máis prosaico e informal que achega ao lector á realidade máis banal.
En definitiva, Nos regos de novembro preséntase como un mapa de ronseis que transitan polo proceloso océano da realidade e que deixa a súa pegada nas meniñas vibrantes do lector, configurando un universo literario cautivado nunha diminuta e significativa pupila.
Nado en Servoi no ano 1969, Francisco Xavier Pérez Álvarez estudou Filoloxía Clásica e licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante os cursos de doutoramento participou no Instituto da Lingua Galega na redacción do IV volume do Atlas Lingüístico de Galicia. Léxico. Así mesmo, conta con colaboracións en revistas de pensamento crítico como A Trabe de Ouro e Cadernos de Lingua, ademais de desenvolver traballos de campo no ámbito da dialectoloxía en distintas zonas da Raia, próximas ao Concello de Vilardevós e na vertente transmontana.
En 2020 deu o salto á produción literaria con Lembranzas dun vagalume de outono e, no 2023, publicou a serie de relatos Onde o mundo se chama Servoi. Agora regresa ás librarías con Nos regos de novembro, unha amalgama de estilos e temáticas senlleiras na que navegan a creatividade e a imaxinación do autor, deixando plasmada a súa particular cosmovisión do mundo.



