
A XVII Escola de Verán de Verín abre o prazo de inscrición cun programa lúdico-deportivo para nenos e nenas de 4 a 15 anos
04/06/2026A obra da artista visual Carmen Alberto Rodríguez foi escollida entre 44 propostas presentadas ao certame convocado polo C.R.D.O. Monterrei
Verín, 5 de xuño de 2026.- A XIX edición da Feira do Viño de Monterrei xa conta coa imaxe que anunciará unha das citas enogastronómicas máis destacadas do verán galego. O cartel seleccionado é obra da artista visual Carmen Alberto Rodríguez, cuxa proposta resultou gañadora entre os 44 traballos presentados ao concurso organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.
A autora define o seu traballo artístico como unha invitación á reflexión, buscando crear obras que non deixen indiferente ao espectador e que poñan en valor aquilo que forma parte da vida cotiá, transformando o ordinario en extraordinario. Esta visión queda reflectida nun cartel que será a imaxe oficial da feira durante os próximos meses.
O xurado encargado da selección estivo integrado por Manuel Vázquez, presidente do C.R.D.O. Monterrei; Alberto Fernández e Concepción Paradela, vocais da entidade; Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Conservatorio, Festexos e Turismo do Concello de Verín; María del Pilar Salgado, profesora de Artes e Oficios; e os artistas plásticos Xosé Rivada e Álex Araujo.
A XIX Feira do Viño de Monterrei celebrarase en Verín os días 7, 8 e 9 de agosto, consolidándose como un dos grandes escaparates dos viños da denominación e como unha das principais citas enoturísticas de Galicia. Durante tres xornadas, visitantes procedentes de distintos puntos de Galicia e do norte de Portugal poderán degustar os viños das adegas participantes e gozar dunha ampla programación paralela que combinará cultura, música e promoción do territorio.
A organización irá dando a coñecer nas próximas semanas os distintos detalles dunha programación que volverá converter Verín na capital do viño de Monterrei durante unha fin de semana marcada pola celebración, a gastronomía e a promoción dun sector estratéxico para a comarca.
Sobre a D.O. Monterrei
A Denominación de Orixe Monterrei é unha das cinco denominacións vitivinícolas de Galicia e abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Laza e Cualedro. Actualmente está integrada por 30 adegas e conta con 852 hectáreas de viñedo, nas que traballan 397 viticultores, constituíndo un dos principais motores económicos e identitarios do territorio.



