
O FIC Vía XIV volve a Verín do 26 ao 31 de outubro para celebrar dez anos de cinema
18/09/2026
Verín acolle unha xornada de recoñecemento ao voluntariado de Cruz Vermella de toda a provincia
19/09/2026
O centro continúa medrando tras a graduación da súa primeira promoción de Grao Profesional e afronta o novo curso con reforzo do profesorado e novos investimentos en espazos, instrumentos e actividades
O Conservatorio de Música de Verín iniciou o curso 2026/2027 cun acto de presentación dirixido ao alumnado e ás familias e cun incremento do número de alumnos e alumnas respecto ao curso anterior, consolidando a evolución experimentada polo centro nos últimos anos.
O novo curso chega despois dun ano especialmente significativo para o Conservatorio, marcado pola graduación da súa primeira promoción de Grao Profesional, un fito que culminou o proceso de ampliación das ensinanzas musicais dispoñibles no municipio.
Na actualidade, o alumnado pode completar no propio Conservatorio de Verín tanto o Grao Elemental como o Grao Profesional, o que permite desenvolver ata dez anos de formación musical regrada na vila, sen necesidade de desprazarse a outros municipios para continuar os seus estudos.
O responsable da área do Conservatorio, Diego Lourenzo, destacou que «o incremento do alumnado confirma a evolución do Conservatorio e pon en valor o traballo realizado para ofrecer en Verín unha formación musical de calidade e de proximidade. O obxectivo é seguir dotando o centro dos recursos necesarios para continuar medrando e mellorando a súa oferta educativa».
Reforzo dos recursos do Conservatorio
O crecemento do alumnado e da actividade lectiva implica tamén novas necesidades organizativas e docentes. Neste sentido, durante este curso reforzarase o profesorado para poder atender o incremento das horas necesarias para o desenvolvemento das diferentes ensinanzas.
O Concello de Verín continuará tamén traballando na mellora e acondicionamento dos espazos do Conservatorio, na adquisición de instrumentos e no desenvolvemento de actividades complementarias á formación regrada, co obxectivo de ofrecer ao alumnado as mellores condicións posibles para a súa aprendizaxe musical.
«Seguiremos poñendo os esforzos necesarios para dotar ao Conservatorio da mellor opción posible, tanto en horas de profesorado como no acondicionamento de espazos, compra de instrumentos e actividades que acompañen a formación regrada», sinalou Lourenzo.
O papel fundamental da ANPA
Desde o Concello de Verín tamén se quere poñer en valor o papel da ANPA do Conservatorio, cuxa implicación e colaboración co centro e coas familias ten contribuído aos avances acadados e á dinamización da comunidade educativa.
Neste inicio de curso, o Concello agradece especialmente o traballo das familias que participan activamente na asociación e anima ao conxunto de nais e pais a implicarse na ANPA, achegando propostas e colaborando nas diferentes iniciativas que permitan seguir mellorando e facendo medrar o Conservatorio.
O curso 2026/2027 comeza así cun aumento do alumnado e con novos retos para un centro que continúa avanzando na súa oferta educativa, co obxectivo de facilitar unha formación musical regrada, completa e de proximidade para os nenos, nenas e mozos de Verín e da contorna.
O Conservatorio nun vistazo
- Curso 2026/2027
- Ensinanzas Grao Elemental e Grao Profesional
- Formación completa Ata dez anos en Verín
- Responsable da área Diego Lourenzo


