
O Concello de Verín abrirá o 23 de setembro a inscrición para o Obradoiro do Cigarrón 2026-2027
21/09/2026
- Bernardo Rodríguez Danoz, Tamara Velázquez Rivero, Benito Quiñones García e Tino Cid Lorenzo tomaron posesión das súas actas na sesión extraordinaria celebrada esta mañá.
- A sesión aproba tamén diferentes acordos en materia económica, cultural e deportiva, entre eles o convenio para o FIC Vía XIV 2026 e novas achegas á actividade deportiva local.
Verín, 22 de setembro de 2026. O Concello de Verín celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria e urxente do Pleno municipal na que tomaron posesión os catro novos concelleiros do grupo municipal do Partido Popular, tras as renuncias formalizadas polos anteriores representantes desta formación na Corporación.
Durante a sesión tomaron posesión das súas actas Bernardo Rodríguez Danoz, Tamara Velázquez Rivero, Benito Quiñones García e Tino Cid Lorenzo. Así mesmo, deuse conta da constitución do grupo municipal do PP, que designou como portavoz titular a Bernardo Rodríguez Danoz e como portavoz suplente a Benito Quiñones García, así como da adscrición dos seus integrantes ás diferentes comisións informativas.
Por outra banda, o Pleno aprobou, cos votos favorables do PSdeG-PSOE e do BNG e os votos en contra do PP, o expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe total de 502.150,62 euros, correspondente a obrigas económicas pendentes.
Este expediente enmárcase no actual proceso de regularización dos pagamentos municipais, despois de que o Concello destinase este ano arredor de 3,3 millóns de euros ao pagamento de facturas a través do mecanismo estatal de pagamento a provedores.
Convenio para o FIC Verín Vía XIV 2026
A Corporación aprobou tamén, cos votos favorables do PSdeG-PSOE e do BNG e a abstención do PP, o convenio de colaboración entre o Concello de Verín e a Asociación Cultural Audiovisual Vía XIV para a celebración do FIC Verín Vía XIV 2026. O convenio establece unha achega municipal de 40.000 euros destinada á organización do décimo aniversario de devandito certame cinematográfico.
Modificación das subvencións nominativas deportivas
Finalmente, o Pleno aprobou, cos votos favorables do PSdeG-PSOE e do BNG e a abstención do PP, unha modificación das bases de execución do Orzamento municipal de 2026 relativa ás subvencións nominativas destinadas ao deporte.
A modificación permite trasladar as partidas de 1.500 euros inicialmente destinadas ao Club Ciclismo BTT Verín e ao Club Ciclismo Chinquena Racing á Escola de Danza Diversity e ao Club Val do Támega, respectivamente.
O cambio realízase coa conformidade dos clubs inicialmente beneficiarios, que este ano non desenvolverán os eventos previstos debido ao estado no que se atopa o monte tras os incendios. Deste xeito, os 3.000 euros inicialmente consignados mantéñense destinados ao fomento da actividade deportiva local, pasando a apoiar entidades que si desenvolverán actividade durante o presente exercicio.
Acordos da sesión
Toma de posesión
4 concelleiros- Portavoz Bernardo Rodríguez Danoz
- Suplente Benito Quiñones García
Recoñecemento extraxudicial de créditos
502.150,62 €- A favor PSdeG-PSOE e BNG
- En contra PP
Convenio FIC Verín Vía XIV 2026
40.000 €- A favor PSdeG-PSOE e BNG
- Abstención PP
Subvencións nominativas deportivas
3.000 €- A favor PSdeG-PSOE e BNG
- Abstención PP


