
A exposición “Alén do lago” de Carlos Folgoso Sueiro pecha as súas portas tras unha destacada acollida na Sala de Exposicións Municipal
27/02/2026A iniciativa transfronteiriza unirá en 2026 A Revolta Irmandiña e a Flavius Challenge, reforzando o posicionamento de Verín e da comarca como destino de turismo deportivo e cooperación institucional na Raia.
«Supón un paso adiante na consolidación da Raia como espazo deportivo común e un exemplo de cooperación institucional con capacidade real de mobilización», destacou o concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo.
Verín, 2 de marzo de 2026. O Concello de Verín participou esta mañá na presentación oficial do Circuito da Auga 2026, unha nova competición deportiva transfronteiriza de carreiras de obstáculos (OCR) que unirá o vindeiro ano dúas probas consolidadas do territorio: A Revolta Irmandiña, en Verín–Monterrei, e a Flavius Challenge, en Chaves.
O acto, celebrado na sede da Eurocidade Chaves–Verín, contou coa presenza de Diego Lourenzo, concelleiro de Deportes do Concello de Verín; Tiago Caldas, vicepresidente da Câmara de Chaves; José Luis Suárez Conde, alcalde do Concello de Monterrei; José María Lago, deputado provincial da Deputación de Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Brigite Bazenga, vogal do Conselho de Administração e Gestão de Equipamentos do Município de Chaves, SA (Termas de Chaves); Miguel Valpaços, representante da Flavius Challenge; e Jose Prado, representante da Revolta Irmandiña.
O proxecto nace da colaboración directa entre os equipos organizadores de ambas carreiras, coa vontade de reforzar os vínculos deportivos entre Galicia e Portugal e de entender a Raia como un territorio compartido no que o deporte funciona como espazo de encontro, mobilidade e convivencia. A elección da Eurocidade Chaves–Verín como escenario para a presentación responde ao carácter simbólico deste espazo, referente da cooperación transfronteiriza e identificado como Eurocidade da Água, cunha das maiores concentracións de mananciais naturais minerais de Europa e cunha identidade historicamente vencellada á auga, ao termalismo e á saúde.
O concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo, sinalou que o Circuíto da Auga 2026 «supón un paso adiante na consolidación da Raia como espazo deportivo común, demostrando que a cooperación institucional pode traducirse en proxectos sólidos e con capacidade real de mobilización», engadiu que non se trata só da suma de dúas probas, senón dunha «alianza estratéxica que emprega o deporte como ferramenta de cohesión e proxección internacional do territorio».
Lourenzo destacou tamén o carácter aberto do formato, que permitirá atraer tanto a deportistas experimentados como a persoas que se inician nas carreiras de obstáculos, contribuíndo a consolidar hábitos saudables e unha cultura deportiva estable na contorna transfronteiriza.
Desde o Concello tamén se puxo en valor o impacto territorial da iniciativa, tanto pola activación do patrimonio natural e termal como pola dinamización da hostalaría, o comercio local e o posicionamento de Verín e da comarca de Monterrei no mapa do turismo deportivo.
Finalmente, o concelleiro agradeceu o compromiso das entidades organizadoras e das administracións implicadas, subliñando que o proxecto é «un exemplo do que podemos construír desde a colaboración institucional e cunha visión compartida de futuro para a Eurocidade Chaves–Verín».
O Circuíto da Auga desenvolverase ao longo de 2026 (En Verín e Monterrei o 14 de xuño coa Revolta Irmandiña e en Chaves o 15 de novembro coa Flavius Challenge) e permitirá ás persoas participantes competir nas dúas probas dentro dun mesmo marco deportivo, sumando resultados nunha clasificación conxunta estruturada en tres categorías —Elite, Starter/Competitive e Popular/Fun—. A participación no circuíto será gratuíta como competición, sen custo adicional para os atletas, sendo necesario inscribirse individualmente en cada proba e competir na mesma categoría para optar á clasificación xeral.
A clasificación xeral obterase mediante a suma dos puntos acadados nas dúas carreiras, sendo imprescindible completar ambas probas na mesma categoría. O sistema de puntuación, progresivo por posición, premiará tanto o rendemento deportivo como a participación, configurando un modelo competitivo recoñecible dentro do ámbito OCR.
Máis aló da dimensión deportiva, o proxecto incorpora unha clara compoñente territorial. As probas atravesarán espazos emblemáticos como o Castelo de Monterrei, o Camiño de Santiago, a ciclovía das marxes do Támega, os viñedos da Denominación de Orixe ou a Ponte Romana de Chaves, convertendo a competición nunha oportunidade para descubrir o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico do territorio. Nun destino marcado pola diversidade de fontes e instalacións termais —desde fontes populares ata grandes parques como Cabreiroá ou Vidago, pasando polos vestixios romanos e os complexos máis modernos—, o deporte intégrase nun ecosistema asociado ao benestar, á recuperación e aos estilos de vida saudables.
Os premios do Circuito da Agua estarán vinculados precisamente a experiencias, recursos turísticos e produtos da contorna. Este enfoque busca reforzar o coñecemento do territorio, incentivar futuras visitas e permitir á veciñanza redescubrir a súa propia contorna.
O Circuito da Agua nace tamén coa vontade de xerar impacto económico no territorio, especialmente no tecido empresarial vinculado á hostalaría, restauración e servizos locais, promovendo a mobilidade entre Verín-Monterrei e Chaves e reforzando o posicionamento da Eurocidade como destino de turismo activo, natureza e saúde. A iniciativa preséntase como unha experiencia piloto de cooperación deportiva transfronteiriza, sustentada na colaboración entre entidades organizadoras, administracións públicas e tecido empresarial, cunha clara vocación de continuidade.
Co seu patrocinio e apoio institucional, o Concello de Verín reafirma así a súa aposta por iniciativas que combinan deporte, cooperación transfronteiriza e desenvolvemento económico.



