
Auditorio de Verín acolle unha mostra fotográfica sobre o Can de Palleiro
04/11/2024
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre chegan a Verín presentando o seu novo disco «Axúdame a sentir»
12/11/2024- O asfaltado en áreas clave de Verín arranca tras completar as infraestruturas necesarias, financiadas integramente con fondos municipais.
Verín, 7 de novembro de 2024. O Concello de Verín puxo en marcha un plan integral de asfaltado de rúas, cunha inversión total de 648.000 euros, cofinanciado pola Deputación de Ourense e fondos propios municipais. O proxecto, que inclúe intervencións en diversas vías principais da vila, arrancou esta semana coa pavimentación do acceso ao polígono industrial de Pazos, unha actuación que mellorará a conexión coa Nacional-532 e permitirá un acceso máis directo á zona industrial sen pasar polo centro urbano de Verín.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane: o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, visitaron hoxe – xunto a outras autoridades as obras en Queizás para supervisar o avance deste primeiro tramo. Esta mellora, cun investimento de 48.000 euros, forma parte dunha estratexia máis ampla de renovación viaria que busca facilitar a mobilidade, mellorar a infraestrutura e aumentar a calidade de vida dos veciños.

O plan de asfaltado non se limita ao acceso ao polígono industrial, senón que tamén contempla unha serie de actuacións en varias zonas clave de Verín:
- Avenida de Portugal ao polígono de Pazos: tras a a pasada execución da nova ponte de Queizás por parte do Concello, completarase o acceso directo ao polígono desde a Avenida de Portugal, permitindo que os vehículos non teñan que atravesar o centro de Verín.
- Estrada de Vences: transferida ao Concello de Verín pola Deputación de Ourense no ano 2023, esta vía contará agora co asfaltado final.
- Acceso ao hospital desde carretera Vilela: creación dun segundo acceso ao hospital desde o oeste, evitando a conxestión na estrada de Laza.
Ademais, o entorno de Fontenova tamén experimentará significativas melloras:
- Rúa das Flores, urbanización Cabido e prolongación de Espido: O Concello abrirá e mellorará varias rúas nesta área, conectando a prolongación de Espido co Camiño Vello de Sousas e creando un acceso principal a Fontenova.
Cabe destacar que en todas as áreas onde se están realizando as obras de asfaltado, as infraestruturas subxacentes foron previamente executadas con fondos municipais. «Grazas a este investimento inicial do Concello de Verín, as obras de asfaltado están agora en condicións de realizarse de forma eficiente e duradeira, maximizando o beneficio para a cidadanía e minimizando futuros custos de mantemento», explicou Gerardo Seoane.
Este plan plurianual de asfaltado (orzamento total: 648.000 euros) está financiado en 348.000 euros pola Deputación de Ourense a través do programa CooperOU, mentres que o Concello de Verín achega 300.000 euros adicionais. No que se refire ao acceso a Fontenova o Concello aporta un importe de 120.000 euros. Nas obras na urbanización Cabido, a inversión de 176.000 euros será tamén financiada integramente polo ente municipal. Por último, as actuacións de asfaltado do acceso ao hospital desde Vilela están financiadas ao completo pola deputación provincial.
O alcalde de Verín agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, que permitiu materializar este proxecto acordado por todos os grupos políticos, e subliñou a importancia deste apoio financeiro, que actúa como «axente multiplicador da inversión municipal». Seoane tamén pediu comprensión á cidadanía, recordando que, se ben as obras se realizarán de forma progresiva, «Estas actuacións están deseñadas para beneficiar ao conxunto da poboación de Verín e mellorar de forma sostible a súa infraestrutura viaria».
O Concello planea continuar con este plan de mellora das infraestruturas a medida que avance a lexislatura, priorizando as áreas con maior densidade de poboación e maior necesidade de renovación viaria.



