
A Biblioteca Municipal de Verín organiza a presentación de Nos regos de novembro, de Francisco Xavier Pérez Álvarez
24/02/2026
O Trail Pozo do Demo regresa o 29 de marzo cun percorrido de 15 quilómetros
26/02/2026
O IES Xesús Taboada Chivite conmemorará o seu 50º aniversario cunha xornada de portas abertas que terá lugar o vindeiro sábado, 7 de marzo, ás 10:30 horas, nas instalacións do propio centro.
Baixo o lema “50 anos de aprendizaxe e crecemento”, o instituto abrirá as súas portas á veciñanza nunha cita moi especial coa que quere render homenaxe á súa historia a través das persoas que formaron parte dela ao longo destas cinco décadas.
A xornada contará coa participación de exalumnos e exalumnas que regresarán ao centro para compartir coa comunidade educativa as súas experiencias vitais e traxectorias profesionais en ámbitos moi diversos, ofrecendo ao alumnado referentes próximos que amosan como a educación e o esforzo constitúen piares fundamentais para a construción do futuro.
O obxectivo da iniciativa é poñer en valor o papel do IES Xesús Taboada Chivite como espazo de formación, convivencia e oportunidades ao longo de 50 anos, así como reforzar o vínculo entre o centro educativo e a comunidade.
Esta actividade enmárcase dentro do programa de actos organizado con motivo do 50º aniversario do instituto, unha celebración que busca recoñecer o pasado, fortalecer o presente e mirar cara ao futuro mantendo viva a súa traxectoria educativa en Verín.



