
O IES Xesús Taboada Chivite celebra o seu 50º aniversario cunha xornada de portas abertas
25/02/2026
A exposición “Alén do lago” de Carlos Folgoso Sueiro pecha as súas portas tras unha destacada acollida na Sala de Exposicións Municipal
27/02/2026As inscricións poden realizarse online, a través das plataformas Sportmaniacs e Saudeter, así como mediante o código QR habilitado no cartel oficial do evento.

Verín, 26 de febreiro de 2026. O vindeiro 29 de marzo Verín volverá acoller unha das probas máis emblemáticas do seu calendario deportivo coa celebración do Trail Pozo do Demo, unha cita que recupera unha carreira histórica e que reforza a aposta do Concello de Verín polo deporte ao aire libre e pola posta en valor do territorio.
A saída terá lugar ás 9:30 horas desde o Balneario de Cabreiroá. A proba contará cun percorrido de 15 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 600 metros combinando tramos técnicos, zonas de monte e paraxes de gran atractivo paisaxístico na contorna do Pozo do Demo e do Monte Maior.

O Trail Pozo do Demo preséntase como unha proposta deportiva esixente pero accesible para persoas afeccionadas ao trail running que buscan un reto deportivo nun entorno natural privilexiado. A recuperación desta carreira supón tamén a continuidade dunha proba con identidade propia, fortemente vinculada ao territorio e á práctica deportiva popular na comarca.
O prezo de inscrición para o trail é de 15 euros. Ademais, as persoas participantes que o desexen poderán sumarse á comida posterior en restaurante por un importe tamén de 15 euros, fomentando así a convivencia e o ambiente de comunidade arredor da proba.
As inscricións poden realizarse online a través das plataformas Sportmaniacs e Saudeter, así como mediante o código QR habilitado no cartel oficial do evento.
O Trail Pozo do Demo está organizado polo Concello de Verín en colaboración coa Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas e conta co apoio de numerosas entidades e empresas colaboradoras, nunha mostra de cooperación entre administración pública, tecido asociativo e iniciativa privada para impulsar eventos deportivos de calidade.
Entre elas atópanse firmas e entidades do ámbito privado como Comartin, Revestimientos y Fachadas Javier Yañez Dos Santos, GADIS, Cabreiroá, Enredo, KTORCE ou RC Training, así como o apoio institucional do Concello de Vilardevós, a participación dos dispositivos de seguridade de Protección Civil Verín e Protección Civil Vilardevós, e a implicación do tecido empresarial local a través de AEVER, configurando unha rede de cooperación que fai posible a recuperación da proba.
A carreira consolídase así como unha oportunidade para combinar deporte, natureza e promoción turística de proximidade, convidando tanto á veciñanza como a participantes doutros puntos a descubrir a riqueza paisaxística do municipio a través dunha experiencia deportiva singular.
Andaina popular
De maneira paralela ao trail, celebrarase tamén a tradicional andaina popular, pensada para todos os públicos e cun carácter máis participativo e non competitivo.
As inscricións para a andaina poderán realizarse de xeito presencial en Multisport Verín, ata o 25 de marzo. Esta modalidade continúa a ser un dos piares do evento, ofrecendo unha alternativa saudable e accesible para gozar do monte e do entorno natural en comunidade.
Inscríbete aquí



