
A directora, guionista e actriz Mariana Carballal, pregoeira da XVIII Feira do Viño de Monterrei
09/07/2025
Extruga na Rúa 2025: Cultura urbana, deporte, música e gastronomía volven tomar as rúas de Verín nun festival gratuíto e aberto a toda a veciñanza
14/07/2025Verín 14 de xullo do 2025. No marco do programa de Voluntariado Xuvenil incluído no proxecto municipal “Oásis de diversión e aprendizaxe”, os nenos e nenas da Ludoteca e do Campamento Urbano do Concello de Verín participaron este luns nunha xornada educativa moi especial coa visita de varias unidades da Garda Civil.
Durante a actividade, os axentes do Seprona (Servizo de Protección da Natureza) achegáronse aos máis pequenos acompañados polas súas motos, co obxectivo de amosarlles, dunha maneira lúdica e participativa, o seu labor na protección do medio ambiente e resolveron todas as curiosidades do alumnado.
A xornada contou tamén coa participación do Equipo Pegaso, especializado en xestión aeronáutica e seguridade operacional, que exhibiu o seu equipamento con drons e explicou o seu uso na vixilancia e protección do territorio. Completou a visita o Grupo de Cabalería da Garda Civil, que compartiu a súa experiencia no patrullado de montes e camiños durante a tempada de alto risco de incendios.
En representación do grupo de goberno asistiu Rosario Rodríguez, concelleira de Servizos Sociais, quen destacou «a importancia de fomentar nos máis pequenos valores de respecto e coidado do medio natural, ao tempo que se achegan ao labor das forzas e corpos de seguridade desde unha perspectiva educativa e cercana».
Esta actividade permitiu aos nenos e nenas coñecer de preto o traballo das diferentes unidades da Garda Civil e reforzar a súa educación ambiental mediante unha experiencia práctica e motivadora.






