
Verín presenta a programación da XIX Feira do Viño de Monterrei, que reunirá viño, gastronomía, música e cultura do 7 ao 9 de agosto
04/08/2026A vila de Verín deu esta tarde a benvida á XIX Feira do Viño de Monterrei, nun acto inaugural celebrado na Praza García Barbón que reuniu a representantes institucionais, do sector vitivinícola e da sociedade civil para dar comezo a unha das grandes citas enogastronómicas de Galicia.
O acto contou coa participación do presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada; da conselleira do Medio Rural, María José Gómez; do tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo Moura; do deputado provincial, José María Lago Cobo; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte; do director territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, José Antonio Armada; e da pregoeira desta edición, Antía Pérez.
Na súa intervención, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, destacou o excelente momento que vive a Denominación de Orixe Monterrei, salientando o seu crecemento sostido, a capacidade de innovación do sector e a importancia de seguir avanzando sen perder a identidade nin o vínculo coa terra. Así mesmo, puxo en valor o traballo de viticultores, adegas e de todas as persoas que contribúen a facer da D.O. Monterrei un referente dentro e fóra de Galicia.
A Agrupación Musical Candaira puxo o broche musical ao acto inaugural, contribuíndo a realzar unha cerimonia que marcou o inicio oficial da feira.
A XIX Feira do Viño de Monterrei continuará ata o vindeiro domingo cunha completa programación de degustacións, actividades gastronómicas, concertos e propostas para todos os públicos, consolidando a Verín como un dos grandes referentes do enoturismo galego.


















