
A Eurocidade Chaves-Verín impulsa a cooperación empresarial coa sinatura do Convenio Empresarial Transfronteirizo
03/08/2026No evento participarán 19 das 30 adegas pertencentes á D.O. Monterrei.
Verín, 4 de agosto de 2026. O Concello de Verín e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei presentaron este mediodía a programación oficial da XIX Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto, consolidándose como unha das grandes citas enogastronómicas de Galicia. Durante tres xornadas, a praza da Alameda converterase no epicentro do sector vitivinícola da comarca, reunindo ás adegas da Denominación de Orixe Monterrei e ofrecendo unha ampla programación que combinará viño, gastronomía, cultura e música.
O acto, celebrado no salón de actos da Casa da Cultura de Verín, contou coa participación do tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo Moura; do presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada; da concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira; do concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude, Manuel Lorenzo Feijoó; do director territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, José Armada Pérez, en representación da Xunta de Galicia; e do deputado provincial Rosendo Luís Fernández, en representación da Deputación Provincial de Ourense.
Na apertura do acto, Diego Lourenzo Moura salientou que a Feira do Viño de Monterrei constitúe un dos mellores exemplos de como a colaboración entre institucións e sector pode converter un produto de excelencia nun motor de promoción territorial. O tenente de alcalde sinalou que «o viño forma parte da identidade de Verín e da comarca, polo que apoiar unha cita destas características significa tamén apoiar ás persoas que traballan e viven do territorio». Así mesmo, destacou o compromiso do Concello para continuar colaborando co Consello Regulador na organización «dun evento que, edición tras edición, reforza o posicionamento de Monterrei como un dos grandes referentes do enoturismo galego e proxecta unha imaxe moderna, dinámica e acolledora da nosa vila e a súa contorna.»
A continuación, o presidente do Consello Regulador, Manuel Vázquez Losada, presentou os principais datos desta XIX edición, na que participarán 19 das 30 adegas pertencentes á Denominación de Orixe Monterrei. Como nas edicións anteriores, o recinto feiral instalarase na praza da Alameda, onde o público poderá degustar os viños das adegas participantes e gozar dunha variada oferta gastronómica.

O venres 7 de agosto, ás 18:30 horas, terá lugar o acto de entrega de medallas da Cofraría dos viños de Monterrei. Ao finalizar o mesmo, ás 20:00 horas, terá lugar a inauguración oficial da XIX Feira do Viño de Monterrei na praza García Barbón. A xogadora internacional galega de fútbol sala Antía Pérez, será a encargada de pronunciar o pregón inaugural, dando comezo a tres días de intensa actividade arredor do viño e da promoción do territorio.
O recinto abrirá as súas portas o venres 7 de agosto, de 20.00 a 00.00 horas; e o sábado 8 e o domingo 9, de 12.30 a 14.30 horas e de 19.30 a 01.00 horas. As degustacións manterán un prezo de 2 euros, mentres que a copa oficial da D.O. Monterrei poderá adquirirse tamén por 2 euros.
Por segundo ano consecutivo, a feira incorporará un sistema de pago cashless, que permitirá realizar as compras mediante pulseiras recargables, facilitando unha experiencia máis cómoda e áxil para os asistentes. As pulseiras poderán tamén mercarse anticipadamente nas instalacións do Consello Regulador da D.O. Monterrei.
A organización aposta por unha programación pensada para todos os públicos, na que música, gastronomía e actividades familiares complementarán a oferta enoturística da feira, convertendo Verín nun punto de encontro para veciños e visitantes durante toda a fin de semana.
O programa gastronómico abrirase o sábado 8 de agosto, ás 13.00 horas, co showcooking «Alquimia Atlántica na cociña de Monterrei 2026», no que participarán Begoña Vázquez, recoñecida como Mellor Cociñeira de Galicia 2024, e Miguel López, director técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei. A proposta estará harmonizada musicalmente por José Manuel Salgado, profesor do Conservatorio de Música de Verín.
Ese mesmo día, ás 20.00 horas, celebrarase a cata comentada «Todos os camiños levan a Monterrei. Pasado, presente e futuro», dirixida pola sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e titulada WSET Nivel 3.
O domingo 9 de agosto, ás 13.00 horas, terá lugar o showcooking «Sabores auténticos: fusión de conservas ecolóxicas con viños da D.O. Monterrei», protagonizado por José Luis Prieto, chef e xerente do restaurante O Segredo do Retiro, acompañado novamente por Miguel López e José Manuel Salgado.
Todas estas actividades desenvolveranse no espazo habilitado na praza da Alameda e requiren inscrición previa a través do correo info@domonterrei.com, cun prezo de 15 euros por persoa.
A programación incluirá tamén actividades pensadas para o público familiar. O sábado 8 de agosto, ás 18.30 horas, a praza García Barbón acollerá o espectáculo «Pequeno Cabaret Infantil», de Nelson Quinteiro, unha proposta promovida polo CIM da Mancomunidade que transforma os contos tradicionais nun divertido monólogo cheo de humor dirixido a nenos e nenas de todas as idades. Ademais, tanto o sábado como o domingo, de 20.00 a 22.00 horas, desenvolveranse xogos infantís populares para que os máis pequenos tamén poidan gozar da feira.
Programación musical
Segundo destacou Samanta Barreira, a programación musical volverá ser un dos grandes atractivos desta edición. O cartel abrirase o venres 7 de agosto, ás 24:00 horas, coa actuación de SÉS, unha das voces máis representativas da música galega contemporánea, que ofrecerá un directo cargado de forza, personalidade e compromiso. Actualmente presenta o seu noveno traballo discográfico, «Nadando na incerteza», mantendo intacta a esencia dun repertorio caracterizado polo compromiso social, a reivindicación cultural e unha intensa conexión co público.
O sábado 8 de agosto, ás 24:00 horas, será a quenda de Miriam Rodríguez, terceira finalista de Operación Triunfo 2017 e unha das artistas máis destacadas do pop español actual, que chega a Verín cun espectáculo no que repasará os grandes éxitos da súa carreira xunto con temas do seu último traballo e do seu máis recente sinxelo, «duele (menos)», publicado este ano.
Como peche da programación musical, o domingo 9 de agosto, ás 23.00 horas, actuará Lucía Pérez, representante de España no Festival de Eurovisión 2011 e unha das artistas galegas con maior proxección nacional, que ofrecerá un concerto pensado para todos os públicos no que combinará os seus grandes éxitos con novas composicións e versións do folclore galego.
Pola súa banda, o concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude, Manuel Lorenzo Feijoó, puxo en valor «a importancia da Feira do Viño como motor económico para Verín e para toda a comarca, salientando o impacto que ten sobre o comercio, a hostalaría e o conxunto do tecido empresarial local». Así mesmo, agradeceu a implicación das adegas, dos establecementos colaboradores e de todas as persoas e entidades que fan posible unha nova edición dun evento que contribúe a reforzar a imaxe de Verín como destino enoturístico de referencia.
A presentación pechouse coas intervencións do director territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, José Armada Pérez, e do deputado provincial Rosendo Luís Fernández, que reafirmaron o compromiso das súas respectivas institucións co apoio á Feira do Viño de Monterrei e á promoción do sector vitivinícola galego.




