
Verín inaugura a XIX Feira do Viño de Monterrei cunha homenaxe ás raíces e ao futuro do sector vitivinícola
08/08/2026A zona verde de A Preguiza converterase este venres, 14 de agosto, ás 22:30 horas, nun punto de encontro entre culturas coa celebración dunha nova edición das XLI Xornadas de Folclore, un dos eventos internacionais de referencia do verán cultural ourensán, organizado pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración do Concello de Verín e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Nesta edición, Verín acollerá as actuacións de tres prestixiosas formacións internacionais procedentes de Armenia, México e Senegal, que achegarán ao público unha mostra da riqueza musical, coreográfica e etnográfica dos seus países.
Desde Armenia chegará o Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center, unha agrupación especializada na conservación e difusión da danza tradicional armenia, combinando o respecto polas súas raíces coa formación artística das novas xeracións.
O folclore mexicano estará representado pola Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, recoñecida polo seu amplo repertorio de bailes tradicionais que percorren a diversidade cultural de México a través da música, o vestiario e as danzas máis representativas de cada rexión.
Completa o cartel o Ballet Jummu, de Senegal, que ofrecerá un espectáculo cheo de ritmo e enerxía inspirado nas tradicións da África occidental, con danzas, percusións e expresións populares que transmiten a identidade cultural do seu país. Esta formación incorpórase ao festival en substitución da agrupación inicialmente prevista de Kenya.
As Xornadas de Folclore reunirán este ano preto de 170 artistas de seis países pertencentes a catro continentes, que percorrerán un total de dezaseis concellos da provincia entre o 10 e o 20 de agosto, achegando ao público espectáculos gratuítos que converten a música e a danza nunha linguaxe universal de encontro entre pobos.
O Concello de Verín anima á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta cita cultural, que permitirá descubrir a riqueza das tradicións doutros países sen saír da vila, consolidando un ano máis a aposta por unha programación estival diversa, aberta e de carácter internacional.



