
🏆 𝗚𝗥𝗔𝗭𝗔𝗦, 𝗩𝗘𝗥𝗜́𝗡: 𝗗𝗘𝗦𝗗𝗘 𝗔 𝗩𝗢𝗟𝗧𝗔 𝗔́ 𝗥𝗨𝗧𝗜𝗡𝗔 ✨🔴
21/02/2026O Entroido de Verín despediuse un ano máis cun multitudinario xantar popular no que reinou o ambiente de convivencia, música e celebración colectiva. No transcurso da comida tiveron lugar os tradicionais Premios Entroido, uns galardóns que recoñecen a aquelas persoas que, co seu compromiso e paixón, contribúen a manter viva a esencia dunha das festas máis emblemáticas de Galicia.
O acto contou coa presenza de membros da corporación municipal e representantes do mundo do Entroido. A concelleira de Festexos, Cultura e Turismo, Samanta Barreira, foi a encargada de anunciar os premiados desta edición, destacando a súa traxectoria e dedicación ao Entroido de Verín:
- Premio Fidelidade: Alejandra Vázquez
Nada en Vilalba, chegou a Verín no ano 2010 para exercer como profesora de música e foi entón cando naceu a súa vinculación co Entroido, que segue intacta aínda que na actualidade xa non reside aquí, continúa fiel á tradición. Dende a súa primeira participación nas Comadres, nunca faltou á cita, implicándose tamén nos desfiles e na confección dos disfraces. Un compromiso que hoxe transmite ao seu fillo pequeno, garantindo así a continuidade dunha paixón que xa forma parte da súa identidade.
- Premio Pescadilla: Carlos Salgado
Recoñécese o seu labor constante e desinteresado na elaboración do meco e dos carros do Xoves de Compadres e do Venres de Compadreo. Grazas ao seu traballo artesanal, a sátira e a retranca seguen percorrendo as rúas de Verín cada Entroido. Un recoñecemento merecido para quen leva anos “tirando do carro”, no sentido máis literal e tamén no simbólico.
- Cigarrón de honra: José Manuel Ferreira
Corenta anos ininterrompidos vestindo o traxe de cigarrón avalan a traxectoria de José Manuel Ferreira, exemplo de compromiso coa figura máis representativa do Entroido de Verín. Ademais da súa participación activa, desenvolveu unha importante labor de conservación e divulgación dos valores asociados ao traxe. O seu amor polo cigarrón foi transmitido ao seu fillo e, este ano, tamén á súa neta, que vestiu o traxe por primeira vez, consolidando así a terceira xeración dunha cadea familiar que garante o futuro da tradición.
Os galardóns foron entregados polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo; os concelleiros Manuel Lorenzo e Samanta Barreira; e Luisina, viúva do “Pescadilla”.
A entrega dos premios puxo o punto final a semanas intensas de celebración, reafirmando que o Entroido de Verín é moito máis ca unha festa: é identidade, é memoria colectiva e é compromiso interxeracional.



