
Recollida Voluminosos
25/05/2026O Salón de Plenos do Concello de Verín acolleu esta tarde unha recepción oficial ao Verín C.F. con motivo do seu histórico ascenso a Preferente Futgal, culminando así unha brillante tempada na que o club se proclamou campión de liga.
No acto estiveron presentes o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e os concelleiros Samanta Barreira e Eugenio Quintas, quen trasladaron a súa felicitación aos xogadores, corpo técnico e directiva polo éxito acadado e polo traballo realizado ao longo da tempada.
Durante a recepción, o rexedor destacou o orgullo que supón para a vila este logro deportivo e puxo en valor o esforzo colectivo realizado por todo o club. “Este ascenso é motivo de orgullo para todo Verín. Queremos felicitar ao equipo, á directiva e á afección polo esforzo, o compromiso e o traballo realizado durante toda a tempada. Sodes un exemplo do que se consegue coa unión e coa ilusión”, sinalou Gerardo Seoane.
O Concello de Verín quixo recoñecer así a traxectoria do Verín C.F. nunha campaña histórica para o fútbol local, marcada pola constancia, o compromiso e o apoio dunha afección que acompañou ao equipo ao longo de toda a tempada.



