
O cartel musical da XIX Feira do Viño de Monterrei reunirá en Verín a SÉS, Miriam Rodríguez e Lucía Pérez
31/07/2026Verín, 3 de agosto de 2026. A sede da Eurocidade Chaves-Verín, AECT, acolleu esta mañá o Acto Institucional das Redes de Colaboración INCUBTRANS, que culminou coa sinatura e presentación pública do Convenio Empresarial Transfronteirizo Chaves-Verín, un acordo destinado a reforzar a cooperación entre o tecido empresarial e institucional de ambos os dous lados da fronteira.

No acto participaron, en representación da Eurocidade, o tenente de alcalde do Concello de Verín, Diego Lourenzo Moura, e o vicepresidente do Município de Chaves, Tiago Caldas. O convenio foi asinado por Vítor Pimentel, presidente de ACISAT (Associação Empresarial do Alto Tâmega); Alberto Prieto, presidente de AEHCOM (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Comarca de Monterrei); e Beatriz Duarte Lorenzo, en representación de AEVER (Asociación de Empresarios de Verín).
O encontro puxo de manifesto o compromiso compartido por seguir fortalecendo a cooperación transfronteiriza, promovendo sinerxías entre as entidades empresariais para xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico e social no territorio común.
O acto contou tamén coa presenza da directora territorial en Ourense da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Marta Vázquez Guzmán; do deputado provincial delegado da Deputación de Ourense, José María Lago Cabo; así como doutros representantes institucionais e políticos da contorna.
Para as entidades asinantes, este convenio representa un novo paso na consolidación dunha colaboración que leva anos dando froitos en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte, a mocidade, os servizos públicos ou a cooperación institucional, incorporando agora unha dimensión específica orientada ao fortalecemento do tecido empresarial da Eurocidade.

O acordo permitirá desenvolver accións de dinamización das redes empresariais, actividades formativas, encontros profesionais, iniciativas de networking, proxectos de colaboración entre sectores, medidas de apoio ao emprendemento e actuacións de promoción conxunta da actividade comercial e turística de Chaves e Verín.
Ademais, a xornada serviu para sentar as bases de futuras alianzas estratéxicas entre os diferentes axentes socioeconómicos, favorecendo o desenvolvemento de novas iniciativas de colaboración público-privada, mellorando a empregabilidade transfronteiriza e potenciando servizos compartidos no territorio.
O proxecto INCUBTRANS ten como principal obxectivo estimular e apoiar, no ámbito da Eurocidade Chaves-Verín, a creación sostible de novas empresas, a xeración de emprego cualificado e o incremento do valor engadido no territorio fronteirizo.
A Eurocidade Chaves-Verín, AECT, é a entidade beneficiaria principal deste proxecto, no que tamén participan ADRAT – Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega, Fundación Galicia Europa, ANJE – Associação Nacional de Jovens Empresários, a Universidade de Vigo, o Instituto Politécnico de Bragança e AJE Galicia.
Esta actuación desenvólvese no marco do proxecto INCUBTRANS, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027.



