
O Cine na Rúa regresa a Verín coa proxección de Rondallas no Parque da Preguiza
28/07/2026A música volverá ocupar un lugar protagonista na XIX Feira do Viño de Monterrei cun cartel artístico de primeiro nivel que reunirá en Verín tres das voces máis recoñecidas do panorama musical actual: SÉS, Miriam Rodríguez e Lucía Pérez. Os concertos, de acceso gratuíto, celebraranse ao longo das tres noites centrais da feira, completando unha programación que converterá a vila nun gran espazo de encontro arredor do viño, a cultura e o lecer.
A proposta musical foi deseñada para atraer públicos de diferentes xeracións, combinando estilos diversos e apostando por artistas cunha sólida traxectoria profesional e unha ampla capacidade de convocatoria.
A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, destaca que a programación «busca complementar a oferta enogastronómica da feira cun cartel musical de calidade, pensado para que veciños e visitantes poidan desfrutar dunha experiencia completa durante toda a fin de semana, reforzando a Feira do Viño como unha das grandes citas culturais e festivas do verán en Galicia».
SÉS abrirá a programación musical
A encargada de inaugurar o cartel será SÉS, que actuará na madrugada do venres 7 de agosto ao sábado (00:00 horas). María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como SÉS, converteuse nunha das voces máis representativas da música galega contemporánea grazas a un estilo propio no que conflúen o rock, o blues, o folk e a canción de autor, cunha marcada influencia da tradición galega e latinoamericana.
Ao longo dunha carreira consolidada iniciada en 2011 publicou oito discos de estudo e realizou xiras por Galicia, o resto da Península e numerosos escenarios internacionais en países como Arxentina, Uruguai, México, Paraguai, O Salvador, Alemaña ou Inglaterra. Actualmente presenta o seu noveno traballo discográfico, «Nadando na incerteza», mantendo intacta a esencia dun repertorio caracterizado polo compromiso social, a reivindicación cultural e unha intensa conexión co público.
Miriam Rodríguez achegará o mellor pop nacional
O sabado 8 de agosto pola noite (00:00 h) será a quenda de Miriam Rodríguez, unha das artistas máis consolidadas do pop español actual. A cantante e compositora coruñesa, coñecida tras a súa participación en Operación Triunfo 2017, construíu unha sólida carreira artística que a levou a converterse nunha das voces máis destacadas do panorama nacional grazas á súa personalidade interpretativa e ao seu potente directo.
Tras a publicación dos seus álbums Cicatrices, La Dirección de Tu Suerte e líneas rojas, a artista continúa inmersa nunha nova etapa profesional marcada pola expansión internacional, compatibilizando actuacións nos principais festivais españois con concertos en México. En Verín ofrecerá un espectáculo no que repasará os grandes éxitos da súa carreira, xunto con temas do seu último traballo e do seu máis recente sinxelo, «duele (menos)», publicado este ano.
Lucía Pérez pechará a feira cun espectáculo para todos os públicos
A programación musical concluirá o domingo 9 de agosto (23:00 h) coa actuación de Lucía Pérez, unha das artistas galegas de maior proxección nacional. Cunha carreira de máis de dúas décadas sobre os escenarios e coñecida tamén pola súa participación no Festival de Eurovisión, chega a Verín coa xira «Tanto», unha proposta que combina os éxitos máis coñecidos da súa traxectoria con novas composicións e versións do folclore galego.
Sobre o escenario estará acompañada por sete músicos e unha coidada posta en escena, nun concerto pensado para todos os públicos no que música, emoción e participación do público serán os grandes protagonistas.
Con esta programación, a XIX Feira do Viño de Monterrei reforza a súa aposta por ofrecer unha experiencia que vai máis alá da promoción vitivinícola, consolidándose como un evento que combina enogastronomía, cultura e música de primeiro nivel para converter Verín nun dos principais destinos do verán galego.



