
Alerta meteorolóxica «Alarta laranxa por neve»
22/01/2026
Alerta por risco de inundacións en Verín
27/01/2026Unha programación que aposta pola tradición, a participación veciñal e a festa nas rúas durante todo o día.
Charangas, grandes actuacións e citas emblemáticas para vivir o Entroido con intensidade e identidade propia.
Verín, 26 de xaneiro de 2026. O Concello de Verín presentou a programación do Entroido 2026, unha edición que aposta con forza por unha celebración vivida nas rúas durante o día, a participación popular, a recuperación das figuras tradicionais e o compoñente gastronómico propio destes tradicionais festexos, incorporando como principal novidade o Xantar do Capuchón, unha iniciativa pensada para poñer en valor unha das figuras máis identitarias da festa.
A programación foi presentada pola concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, quen destacou que «o Entroido de Verín é unha festa que se vive na rúa, desde a mañá ata a noite, e esta programación busca precisamente reforzar ese carácter aberto, participativo e popular que o define».
A programación do Entroido de Verín 2026 desenvolverase entre o xoves (5 de febreiro) de Compadres e o martes de Entroido (17 de febreiro), cun calendario intenso e diverso que converterá a vila nun escenario festivo permanente (5, 7, 8, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de febreiro). En total, o programa suma máis de 165 horas de música en directo e 56 actuacións, entre charangas, grupos, orquestras, animacións itinerantes e actuacións en espazos centrais como a Praza García Barbón e distintas rúas do casco urbano.
No eido musical, o Entroido de Verín 2026 contará cunha destacada presenza de orquestras e grupos de referencia, que protagonizarán as grandes noites festivas na Praza García Barbón. Formacións como Miramar, Marbella, La Oca Band, Alkar, Triunfo, La Banda de Ayer, Grupo América ou Magos, xunto a actuacións como Pappaquino ou sesións de DJ e discos móbiles, conforman unha programación variada que combinará diferentes estilos e propostas para públicos diversos ao longo de toda a semana do Entroido.
Xunto a elas, as charangas terán un papel fundamental como alma sonora da festa, acompañando desfiles, sesións vermú e animacións itinerantes desde a mañá ata a noite. Agrupacións como Los Támega, Noroeste, Vakapinta, TDB, Airiños do Cereixo, Os Kokakolas, Xuntanza, Como Queiras Band ou Jalácticos, entre outras, garantirán unha presenza constante de música nas rúas, reforzando o carácter participativo e popular do Entroido e mantendo vivo o ambiente festivo en cada recuncho da vila.
Como importante novidade, Barreira destacou o denominado Xantar do Capuchón, que terá lugar o sábado 7 de febrero desde a mañá. Esta iniciativa nace co obxectivo de potenciar a convivencia, a participación veciñal e o Entroido de día, tomando a figura do tradicional Capuchón como elemento central da celebración. A iniciativa complétase cunha programación continuada de música, animación e ambiente festivo ao longo de toda a xornada, convertendo o centro da vila nun espazo de encontro e celebración colectiva desde as primeiras horas do día.
Neste contexto, a concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, animou á participación activa da veciñanza e das persoas visitantes, sinalando que “queremos que o Xantar do Capuchón sexa unha xornada para vivir o Entroido como se fixo sempre: na rúa, compartindo mesa, música e festa, e convidamos a todas e todos a vir co seu capuchón (non sendo, por suposto obrigatorio) e gozar dun día de celebración popular”.
Barreira subliñou ademais que esta proposta “busca recuperar e poñer en valor unha figura tradicional do noso Entroido, dándolle protagonismo a gatronomía, á convivencia e á participación, que son sinais de identidade da festa en Verín”.
O xantar celebrarase no Pavillón de Deportes, cun prezo de 28 euros. A asistencia será gratuíta para menores de 6 anos, sendo imprescindible retirar o correspondente ticket. A venda de entradas realizarase no Pavillón de Deportes, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.
Xunto a esta nova aposta polo Entroido de día, o programa mantén as citas máis emblemáticas da celebración, como o xuízo e queima do Maragato no xoves de Compadres, o Domingo de Corredoiro co tradicional desfile de cigarrons e o pregón oficIal, o Desfile Infantil de Comadres, o día de compadreo e os grandes desfiles do domingo e do martes de Entroido; así como unha ampla oferta musical nocturna e propostas específicas para público familiar e infantil, especialmente na xornada do luns de Entroido.
Xunto a estas citas, o Domingo de Corredoiro contará tamén cun momento especialmente emotivo coa celebración da Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín. A homenaxe, organizada polas súas amizades, terá lugar na tarde do domingo, cunha concentración de vaqueiros ás 18:00 horas na rúa Montemaior, seguida dun pasarrúas ata a Praza Maior, acompañados dunha charanga, e culminará cun acto de homenaxe ás 19:00 horas, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Manolo Cazoleiro. Desde a organización do evento anímase á participación acudindo vestidos de vaqueiros, indios ou cabalos, reforzando así o carácter simbólico e colectivo do acto.
Desde o Concello de Verín destácase que o Entroido 2026 “consolida o seu modelo festivo sen perder a súa esencia”, combinando tradición, participación e festa colectiva, cun programa deseñado para que a veciñanza e as persoas visitantes vivan o Entroido nas rúas, durante todo o día e para todas as idades.
A programación completa poderá consultarse nos canais oficiais do Concello e na web oficial do evento entroidoverin.gal
Resumo diario da programación do Entroido de Verín 2026
Xoves de Compadres · 5 de febreiro
00:00 h Percorrido dos compadres e xuízo e queima do Maragato (Rúas de Verín / Praza García Barbón)
00:00 h Charanga Los Támega (Praza García Barbón)
01:00–03:00 h Enjoy Eventos (Praza García Barbón)
Sábado do Capuchón · 7 de febreiro
12:30 h Sesión vermú Charanga Los Támega (Praza García Barbón)
14:30 h Xantar do Capuchón (Pavillón de Deportes)
17:00 h Animación musical Los Támega (Rúa Irmáns Moreno – Rúa Montemaior)
Domingo de Corredoiro · 8 de febreiro
11:30 h: Popular concentración de Cigarróns con saída desde a avenida de Castela, Luis Espada, rúa Alameda ata praza da Alameda. Os Fregueses/as serán recibidos á saída das igrexas RR.PP Mercedarios e Parroquial polos cigarróns.
12:30 h · Actuación de A Gramola (Praza da Alameda)
13:30 h · Pregón do Entroido (Praza García Barbón)
17:00–19:00 h · A Gramola (Praza da Alameda)
18:00 h · Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín: concentración de vaqueiros (Rúa Montemaior)
18:30 h · Pasarrúas da Vaquerada ata a Praza Maior, acompañados de charanga
19:00 h · Acto de homenaxe, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Manolo Cazoleiro (Praza Maior)
19:00–22:00 h · Orquestra Salsarena (Praza García Barbón)
Charangas
11:30 a 14:00 h: Los Támega, Noroeste, Airiños do Cereixo
17:00 a 20:00 h: Noroeste e Pataghullos
Xoves de Comadres · 12 de febreiro
11:45 h Desfile Infantil de Entroido (Rúas Deputación, Luís Espada e Lisa)
23:00 h Enjoy Eventos + A Gramola (Praza García Barbón)
01:00–04:00 h Orquestra Marbella (Praza García Barbón)
Charangas
11:30 a 14:00 h: Los Támega, Noroeste, Vakapinta, MIL9, TDB
21:00 a 1:00 h: Los Támega, Noroeste, Vakapinta, MIL9, TDB, Nova Trives
Venres de Compadreo · 13 de febreiro
19:00 h Carrada do compadreo con Festicultores Troupe (Barrio de San Lázaro – Rúa Irmáns Moreno)
20:00 h Disco Móbil Space (Rúa Irmáns Moreno)
00:30–03:30 h Orquestra Miramar (Praza García Barbón)
Charangas
11:30 a 13:30 h: Como Queiras Band
19:00 a 22:00 h: Como Queiras Band
Sábado de Entroido · 14 de febreiro
11:30–14:00 h Charangas Jalácticos e Airiños do Cereixo (Rúas de Verín)
12:30 h Concerto vermú Somoza Trío (Praza García Barbón)
17:00–22:00 h Circuíto de charangas (Montemaior, Lisa, Cruz, Praza do Cigarrón e Praza García Barbón)
18:30–19:30 h Pappaquino (Praza García Barbón)
20:00–23:00 h La Oca Band (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h Alkar (Praza García Barbón)
Domingo de Entroido · 15 de febreiro
12:00 h Gran desfile matinal (Rúas de Verín)
19:00–22:00 h Orquestra Triunfo (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h La Banda de Ayer (Praza García Barbón)
Charangas
12:00 a 14:00 h: Los Támega, Vakapinta, Noroeste, TDB, Como Queiras Band.
17:00 a 22:00 h: Noroeste, Vakapinta, TDB e Como Queiras Band
Luns de Entroido · 16 de febreiro
17:00–20:00 h Entroido Infantil (Pavillón Municipal de Deportes)
17:00–20:30 h Disco Móbil Mono (Praza García Barbón)
20:30–22:00 h e 00:30–02:00 h JB Son (Praza García Barbón)
Charangas
11:30 a 14:00h: Os Kokakolas e Xuntanza
17:00 a 20:00h: Os Kokakolas e Xuntanza
Martes de Entroido · 17 de febreiro
16:30 h Derradeiro desfile (Rúas de Verín)
19:00–22:00 h Grupo América (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h Magos (Praza García Barbón)
Charangas
11:30 a 14:00 h: Xuntanza e Vakapinta
16:00 h: (Desfile) – Noroeste, Os Kokakolas, Los Támega, Xuntanza e Vakapinta.



